30 abril 2009

¿Qué crisis? : Olveira anuncia una excursioncita a Belgrado para promocionar el "conocido" Forum FISU

VIGO(MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este mércores que Vigo estará presente na vindeira Universiada de Verán que se celebrará en Belgrado no mes de xullo “para promocionar o Forum FISU e o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo”. O nacionalista así o afirmou tras a xornada de traballo que mantivo con técnicos da FISU para avanzar na organización destes dous eventos e que cualificou de “moi positiva”. Os representantes do deporte universitario que visitan estes días a nosa cidade son o director de proxectos do departamento do presidente de FISU, Kolë Gjeloshaj, e o director dos Campionatos Mundiais Universitarios, Laurent Brie.

“Os técnicos da FISU están comprobando in situ as instalacións que estarán a súa disposición para acoller estes dous eventos deportivos”, explicou o tenente de alcalde. Asemade, expresou a súa “satisfacción e tranquilidade” porque os técnicos participantes na xuntanza expresaron que “o problema consiste en decidir onde se ubicarán cada un destes acontecementos, xa que temos instalacións de absoluta calidade”. Neste sentido destacou a boa impresión causada tanto polo Instituto Feiral de Vigo como polo complexo deportivo das Travesas, que xa ten albergado distintas competicións internacionais, así como o Centro Social Caixanova.

Esta xuntanza celebrouse no marco das xornadas de traballo iniciadas xa onte polos técnicos da FISU, e que terán continuidade esta tarde co obxectivo de preparar a organización do Forum FISU e o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo, que se celebrarán en Vigo no verán do 2010. Segundo explicou Santi Domínguez, o Forum FISU reunirá na cidade a especialistas procedentes de máis de 50 países “para debatir sobre o deporte universitario”. O Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo, pola súa banda, congregará a máis de 500 participantes procedentes de 60 países. Co obxectivo de avanzar nos preparativos destes dous eventos, o tenente de alcalde adiantou que no mes de outubro o Comité Executivo da FISU en pleno visitará a cidade “para ultimar os preparativos”.

Na reunión celebrada esta mañá cos representantes da FISU participaron, ademais do tenente de alcalde Santi Domínguez e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso,; o xefe de servizo de Deporte Universitario do Consejo Superior de Deportes, Aitor Canibe; o secretario xeral da Federación Española de Taekwondo, José María Pujadas; a vicerreitora de Extensión Cultural da Universidade de Vigo, Carmen Cabeza; o director da área de Estudantes e Deportes da Universidade de Vigo, Michel Nombela; o responsable da área de Deportes da Universidade de Vigo, Javier Rial; o director deportivo do Concello de Vigo, José Ángel Otero; e a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Merce Barrientos.