29 abril 2009

Manifiesto de Comisiones y UGT con motivo del día primero de mayo

No 1.º de Maio, as traballadoras e os traballadores estamos chamados a celebrar o Día Internacional do Traballo para enfrontar a crise e reclamar con firmeza unha nova orde económica mundial que sitúe as persoas en primeiro termo.
 Por unha saída á crise favorable ás persoas
Cómpre impulsar un novo modelo financeiro que restableza a primacía da política sobre as finanzas, do traballo fronte ao capital especulativo, e onde se fixen as condicións dun novo modelo de reparto e distribución da riqueza. Ademais, reivindicamos a defensa do modelo social dos tratados da Unión Europea.
 Por un novo contrato social en Europa
Manifestarémonos o vindeiro 14 de maio en Madrid. Neste 1.º de Maio reiteramos a nosa vontade de facer do 14 de maio unha xornada que sirva para dar unha saída á crise máis favorable aos traballadores e traballadoras.
 Polo emprego, pola protección social, por unha economía produtiva
En Pontevedra temos 83.670 persoas sen emprego, das que só 61.727 teñen cobertura; con respecto ós ERE, temos a 31 de decembro do 2008, 328 expedientes, que se incrementaron no primeiro trimestre de 2009 en 160. Demandamos do novo goberno da Xunta un compromiso para a mellora da protección social e para a adopción de medidas para reactivar a economía e mellorar a liquidez das empresas e das familias.
 Polo diálogo social e a negociación colectiva
Para lograr estes obxectivos, debemos impulsar a negociación colectiva e o diálogo social como instrumentos máis adecuados para afrontar a situación económica actual. En materia de diálogo social, demandamos do novo goberno da Xunta o cumprimento dos acordos acadados co anterior executivo relativos ao Acordo polo Emprego e ao Plan de Competitividade.
CCOO e UGT defendemos unha suba moderada dos salarios tomando como primeira referencia o dato oficial de inflación (2%). Pretendemos erradicar os salarios máis baixos, en especial os máis afastados do salario medio estatal. Tamén temos como obxectivo sindical prioritario acabar coas diferenzas salariais entre mulleres e homes. Combateremos a precariedade laboral, a subcontratación abusiva e as xornadas excesivamente longas, factores que provocan moitos accidentes.
UGT e CCOO reivindicamos o impulso das políticas activas de emprego, a mellora da protección social, e a protección dos dereitos dos traballadores e traballadoras nos EREs e ante os despedimentos.
Propomos unha nova estrutura produtiva baseada na calidade da educación e na formación profesional, no impulso do I+D+i para a mellora da produtividade e da competitividade, a potenciación do sector industrial, a redución da dependencia exterior da enerxía e a promoción da política ambiental como factor de progreso, programas de vivenda pública e estímulo ao aluguer, a priorización do gasto público en infraestruturas e servizos sociais e o fortalecemento dos servizos públicos.
Por todo isto, mobilízate connosco!
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!