COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI O DÍA 30 DE ABRIL DE 2009, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
_______
DECRETOS :
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Decreto polo que regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia
Decreto polo que se nomea delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña a Diego Calvo Pousa
Decreto polo que se nomea delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo a Raquel Arias Rodríguez
Decreto polo que se nomea delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense a Rogelio Martínez Martínez
Decreto polo que se nomea delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra a José Manuel Cores Tourís
Decreto polo que se nomea delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo a Lucía Molares Pérez
Decreto polo que se nomea secretario xeral para o Deporte a José Ramón Lete Lasa
Decreto polo que se nomea director xeral de Xustiza a Juan José Martín Álvarez
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Decreto polo que se modifica o Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia
Decreto polo que se dispón que cese Daniel Pino Vicente como director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda e Solo
Decreto polo que se dispón que cese José Luis Romero Valeiras como presidente do Consello de Administración da Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos
Decreto polo que se dispón que cese José Luis Romero Valeiras como director xeral do Organismo Autónomo Augas de Galicia
Decreto polo que nomea directora xeral de Infraestruturas a Isabel Vila Barbosa
Decreto polo que se nomea director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo a Antonio José Boné Pina
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Decreto polo que se dispón que cese Julio Villar Barreiro como director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde
Decreto polo que se dispón que cese Francisco Pais López como director xeral da División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde
Decreto polo que se dispón que cese Antonio José Fernández Paniagua como director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde
Decreto polo que se nomea xerente do Servizo Galego de Saúde a Rocio Mosquera Álvarez
Decreto polo que se nomea director de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde a Pablo Torres Arrojo
Decreto polo que se nomea directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a Esperanza Fernández Lago
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Decreto polo que se nomea directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais a Alejandra Álvarez de Mon Rego
Decreto polo que se nomea director xeral de Conservación da Natureza a Ricardo García- Borregón Millán
ACORDOS
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Acordo polo que se constitúe unha mesa de traballo interdepartamental para a dinamización do mercado laboral e a posta en marcha dun plan de choque
MOCIÓNS E PROPOSTAS
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Declaración institucional do Goberno galego con motivo do día 1º de Maio
INFORMES
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Informe polo que se dá conta ao Consello da Xunta sobre o asunto da gripe porcina en Galicia
O GOBERNO GALEGO PASA DE 52 DELEGACIÓNS PROVINCIAIS A CINCO TERRITORIAIS BAIXO OS CRITERIOS DE EFICACIA, AUSTERIDADE E ECONOMÍA
As delegacións estarán situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo
Terán o nivel orgánico de dirección xeral e dependerán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
A delegación da Coruña contará cunha unidade administrativa especial adscrita na cidade de Ferrol, co obxectivo de mellorar a eficacia na xestión
O Consello da Xunta aprobou hoxe a nova estrutura das delegacións territoriais da Xunta de Galicia a través dun Decreto polo que se pasa de 52 delegacións provinciais a cinco territoriais, situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O Executivo autonómico acomete esta reforma baixo os criterios de eficacia, austeridade e economía que, segundo o propio texto da norma, debe inspirar a actuación da Administración galega.
O compromiso do Goberno galego con estes criterios viuse reflectido na aprobación da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, a través do Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se reducían ata dez as consellerías do Goberno galego. Esta redución chegou, ademais, foi do 17% no caso das secretarías xerais, direccións xerais e órganos de igual categoría, unha redución que se deseñou salvagardando a necesaria eficacia e eficiencia no funcionamento da Administración.
A nova figura da delegación territorial terá o nivel orgánico de dirección xeral e configurarase como órgano decisorio e representativo do presidente da Xunta de Galicia e de todo o seu Goberno, ademais de coordinador da Administración periférica do Executivo galego. Segundo o decreto autorizado hoxe polo Consello da Xunta, dependerán organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O ámbito de xestión das delegacións da Xunta de Galicia será, no caso das da Coruña, Lugo e Ourense, provincial. A delegación de Vigo incluirá os concellos de Nigrán, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Pazos de Borbén, Mos, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vigo, Cangas e Moaña, mentres que á delegación de Pontevedra lle corresponderán o resto dos concellos da provincia. A delegación da Coruña contará, ademais, cunha unidade administrativa especial adscrita na cidade de Ferrol, co obxectivo de mellorar a eficacia na xestión.
Cada delegación territorial terá á fronte a un delegado ou delegada que exercerá a representación da Xunta de Galicia e asumirá a coordinación do exercicio das competencias da Administración autonómica no seu correspondente eido territorial. Ademais, cada delegación contará cunha secretaría territorial, distintos departamentos e unha comisión territorial de coordinación.
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
DELEGADO DA XUNTA DE GALICIA NA CORUÑA
Diego Calvo Pousa
Nacido o 24 de abril de 1975 en San Sadurniño. Licenciado en Economía. Especialidade de Sistema Fiscal e Facenda Pública. Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal
Técnico de Desenvolvemento de Programas Europeos. Ano 2000. Fondo Formación Ferrol.
Xefe administrativo dunha empresa de materiais de construción 2000-2002. Administrador- xerente dunha empresa de materiais de construción 2002-2003
Membro do Colexio de Economistas da Coruña
Deputado desde 2003, VI Lexislatura no Parlamento de Galicia. Voceiro do Grupo Popular na Comisión de Mocidade e membro das comisións de Pesca e Marisqueo, Control da CRTVG, Consello de Contas e Economía e Facenda.
Deputado na VII Lexislatura. Voceiro de Vivenda e Solo, de Mocidade e da CRTVG e membro das comisións de control da CRTVG, Sanidade, Política Social e Emprego; Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos; e de Estudo da Situación da Mocidade
DELEGADA DA XUNTA DE GALICIA EN LUGO
Raquel Arias Rodríguez
Alcaldesa de Sober polo Partido Popular desde 1999, foi deputada provincial entre 1999 e 2003 e entre 2007 e 2008.
Vogal do Comité executivo do PP de Galicia, vicesecretaria do PP de Lugo, presidenta local do PP de Sober. Coordinadora autonómica en Igualdade e, de 2008 a 2009, deputada nacional por Lugo no Congreso dos Deputados.
Naceu en Proendos-Sober en 1966. Cursou estudos de xornalismo na Universidade Complutense de Madrid, onde escribiu en diversas revistas do mundo dos seguros e impartiu clases de comunicación.
En Galicia traballou durante tres anos como redactora de informativos na Radio Galega en Santiago e, con anterioridade, en Radiocadena Española e Radio Nacional de España.
Na prensa escrita colaborou cos xornais El Progreso e La Voz de Galicia e tamén foi corresponsal de El Mundo-Galicia para a provincia de Ourense desde a súa creación ata maio de 1996. Desde entón e ata 1999 foi responsable do gabinete de prensa do concello de Monforte de Lemos.
DELEGADO DA XUNTA DE GALICIA EN OURENSE
Rogelio Martínez Martínez
Naceu en 1956. Conta cunha ampla experiencia política, administrativa e de xestión: foi durante 30 anos alcalde (no 79 foi o alcalde mais novo de España); durante 20 anos presidente da Mancomunidade do Ribeiro, vicepresidente 1º da Deputación e voceiro do Partido Popular na corporación provincial.
Tamén integrou o comité executivo de vilas termais da FEMP e a comisión executiva da FEGAMP. Foi secretario provincial do PP, membro da executiva provincial e da executiva rexional desta formación política desde 1982.
Conta cun coñecemento extenso da Administración local e autonómica.
DELEGADO DA XUNTA DE GALICIA EN PONTEVEDRA
José Manuel Cores Tourís
Naceu na parroquia cambadesa de Oubiña o 1 de novembro de 1958. Está casado e ten dúas fillas.
Membro de Xóvenes Agricultores–Asaja Galicia, en 1985 fundou HORSAL, xunto con outros catorce horticultores da Comarca do Salnés, e desempeñou o cargo de director-xerente da mesma durante nove anos.
Foi vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas desde 1992 e tamén foi membro das xuntas directivas da Asociación Española e da Asociación Europea de Cidades do Viño (ACEVIN-RECEVIN) e da Asociación Española de Cidades da Pesca (AECIPE).
Foi vogal do Consello de Administración de Portos de Galicia.
A súa actividade política comezou no ano 1987, ao ser elixido concelleiro da corporación cambadesa, dentro da candidatura do Partido Popular. Desde 1989 ata finais de abril de 1998 desempeñou o cargo de primeiro tenente de alcalde, e desde xuño de 1998, é alcalde de Cambados, cargo que ocupa na actualidade. Presidente da Mancomunidade do Salnés de 1998 ao 2003.
É senador por Pontevedra desde o ano 2000, foi membro das Comisión de Agricultura e Pesca e da Comisión Mixta para o Estudo do Problema das Drogas. Actualmente é vogal da Comisión de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño e vogal da Comisión de Peticións.
DELEGADA DA XUNTA DE GALICIA EN VIGO
Lucía Molares Pérez
Naceu en Vigo. É licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo e de Dereito pola UNED. Máster en xestión e administración sanitaria e Programa de Alta Dirección do Instituto de Administración Pública. Funcionaria do corpo superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia.
Ano 1993. Desempeñou diversos cargos de xefa de servizo e sección na Xunta
Ano 1995. Secretaria provincial do SERGAS en Pontevedra
Ano 1996. Directora do Gabinete do Secretario de Estado de Administracións Públicas
Ano 1999. Directora de Gabinete do Secretario de Estado de Deportes e Presidente do Consello Superior de Deportes.
Ano 1999. Directora provincial do SERGAS en Pontevedra
Ano 2001. Delegada da Consellería de Asuntos Sociais en Pontevedra
Ano 2003. Tenenta de alcalde e concelleira delegada das áreas de Turismo, Comercio, Deporte, Emprego, Voluntariado, Xuventude e Muller no Concello de Vigo. Secretaria da Xunta de Goberno local
Ano 2007. Concelleira do Concello de Vigo
SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE
José Ramón Lete Lasa
Licenciado en Dereito, en Psicoloxía e en Filosofía e Ciencias da Educación, cursou diversos masters de especialización, como o Business Administration da Universidade de California do Sur, o Máster sobre a Unión Europea, das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo e o Centro Europeo Atlántico, e o Máster en Xestión Pública de UNED. Pertence ao Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia. Desde 1978 a 1990 foi profesional do baloncesto en equipos como o Estudantes de Madrid, o CAI de Zaragoza, o Breogán de Lugo, o Obradoiro de Santiago e o Bosco de Vigo
1988. Xefe do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
1994. Secretario Provincial do Servizo de Saúde de Pontevedra en Vigo da Consellería de Sanidade. Xunta de Galicia.
1995. Inspector de servizos da Consellería de Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia
1997. Director xeral da Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas, Ministerio da Presidencia
2003. Director Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
2005. Subdirector xeral de Promoción Deportiva da Consellería de Cultura e Deportes da Comunidade de Madrid.
2007. Director xeral de Deportes da Comunidade de Madrid
DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA
Juan José Martín Álvarez
Naceu en San Martín del Rey Aurelio (Asturias) en 1962. É funcionario do corpo de secretarios xudiciais. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e ten a diplomatura en Criminoloxía polo Instituto de Criminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Tras superar as probas selectivas de acceso ao corpo de secretarios da Administración de xustiza é nomeado funcionario en prácticas, completa estudos en Madrid no Centro de Estudos Xurídicos dependente do Ministerio de Xustiza. En 1992 foi nomeado secretario xudicial da terceira categoría e o seu primeiro destino foi no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de La Orotava (Sta. Cruz de Tenerife). En 1992, trasladouse ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Logo do ascenso á segunda categoría no corpo de secretarios da Administración de Xustiza, é destinado ao xulgado do Penal nº 2 de Girona. En 1997 foi nomeado xefe do servizo de Xestión de Persoal ao servizo da Administración de xustiza, dependente da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Xunta de Galicia, logo da asunción de competencias en materia de xestión de persoal ao servizo da Administración de xustiza. En 2001 é nomeado subdirector xeral de Relacións coa Administración de Xustiza da Dirección Xeral de Xustiza e, en 2002, director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia. En 2005, reincorpórase como titular da Secretaría do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 7 de Santiago de Compostela, actual xulgado de instrución n.º 1 de Santiago de Compostela.
Profesor e relator en diferentes cursos, seminarios e congresos relacionados coa Administración de xustiza e/ou Comunidades Autónomas, é autor de diversas publicacións en materia xustiza. Outorgóuselle a Cruz Distinguida de 1º Clase da Orden de San Raimundo de Peñafort, concedida polo Ministerio de Xustiza, Orde de 24 do xuño de 2005.
A XUNTA ELIMINA UN ALTO CARGO NA ESTRUTURA DO ENTE PÚBLICO AUGAS DE GALICIA AO ASUMIR O PRESIDENTE AS FUNCIÓNS DO DIRECTOR XERAL
A medida enmárcase dentro do compromiso asumido polo Presidente da Xunta de “adelgazar” a estrutura da Administración autonómica
O Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe aprobou a modificación do Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, co obxectivo de eliminar da estrutura de goberno a figura do director xeral. As funcións que ata o de agora viña cumprindo este alto cargo pasarán a ser desempeñadas polo presidente do ente público.
A decisión ten como obxectivo optimizar a xestión de Augas de Galicia, gañar eficacia na toma de decisións e eliminar trámites para axilizar o funcionamento diario do organismo. Ademais, prescindirase da obrigatoriedade de que o presidente do organismo autónomo teña que ser un dos titulares dos órganos superiores da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
A supresión da figura do director xeral enmárcase dentro do compromiso asumido polo Presidente da Xunta de “adelgazar” a estrutura da Administración autonómica.
Deste xeito, a presidencia pasará a ter categoría de dirección xeral, e exercerá a representación legal do organismo, así como as funcións directivas e executivas. Entre as ditas funcións destacan o outorgamento das autorizacións e concesións relativas ao uso e aproveitamento do dominio público hidráulico, a aprobación de proxectos de obras, a coordinación dos servizos do organismo, e a autorización de gastos, entre outras.
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
DIRECTORA XERAL DE OBRAS PÚBLICAS
Isabel Vila Barbosa
Isabel Vila Barbosa (Ourense) é enxeñeira de Camiños, Canles e Portos pola Universidade Politécnica de Madrid. Tanto a súa formación como a súa traxectoria profesional están fortemente vinculadas coa prevención e seguridade en obras, firmes e pavimentos, xeotecnia, xestión da auga, redes de saneamento ou seguridade viaria.
Desde 2006 foi subdirectora xeral de Xestión dentro da Dirección Xeral de Obras Públicas, cunha actividade centrada no seguimento das actuacións en materia de xestión económico- administrativa, contratación e xestión orzamentaria. Con anterioridade estivo adscrita aos departamentos de Réxime Económico e Financeiro, de Xestión do Dominio Público Hidráulico e á Subdirección Xeral de Estradas.
DIRECTOR DO INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO
Antonio José Boné Piña
Antonio José Boné Piña (Arnedo, 1954) é arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Desde 1994 figura adscrito ao corpo facultativo da Xunta de Galicia, na especialidade de arquitectos.
A súa traxectoria profesional na Administración pública iníciase en 1982 cando é contratado como arquitecto polo Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo para a súa delegación en Lugo. Desde 1985 veuse encargando da xestión de vivendas de promoción pública na provincia de Lugo, colaborando na construción de máis de 5.500 vivendas deste tipo. Foi membro da Comisión Provincial de Vivenda ata a creación da Consellería de Vivenda. En marzo de 1999 foi nomeado delegado provincial da CPTOPV en Lugo, cargo que desempeñou ata agosto de 2005. Neste período participou na posta en marcha da rehabilitación do barrio lugués da Tinería, onde se adquiriron 52 inmobles e se iniciou a construción de varios edificios para vivendas.
CONSELLERÍA DE SANIDADE
XERENTE DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
Rocío Mosquera Álvarez
Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, é especialista en Cirurxía Xeral e do aparello dixestivo, formada no Hospital Xeral de Galicia.
Traballa como médico inspector da Seguridade Social desde 1985. Previamente, foi directora de Atención Primaria de Saúde da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, desde 1987 ata 1991, e xefa do Servizo de Inspección Sanitaria da Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade desde 1991 a 1994.
Desempeñou o cargo de subdirectora xeral de Atención Especializada do Servizo Galego de Saúde desde 1994 a 1998; de asesora da Dirección Xeral de Saúde Pública desde 1999 a 2001, e foi xerente do Hospital Nuestra Señora de la Esperanza, pertencente ao grupo sanitario Nosa Terra que conta co hospital privado máis grande de España, POVISA, desde xullo de 2002 ata a actualidade.
Traballou como consultora con Smart Solutions e coa empresa IDC SA; auditora do Plan de Minimización de Riscos Microbiolóxicos dos hospitais de Galicia e secretaria da Comisión de Acreditación Hospitalaria de Galicia,
Membro do Padroado da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, desde a súa constitución ata maio de 1998 e do Padroado da Fundación Pública Hospital da Barbanza, desde a súa constitución ata maio de 1998. Tamén exerceu de Vocal do Consello Asesor da Consellería de Sanidade, desde 2006 ata a actualidade.
Conta, ademais, con varios cursos, entre eles, o Curso de Capacitación en Xestión da Atención Primaria, organizado pola Escola Nacional de Sanidade, e estudou un Máster en Xestión Xerencial Hospitalaria, organizado pola Escola de Alta Dirección e Administración (EADA).
DIRECTOR DE RECURSOS ECONÓMICOS DO SERVIZO GALEGO DE SÁUDE
Pablo Torres Arrojo
Naceu en Lugo en 1972. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, diploma en Xestión de Servizos Sanitarios por CUSP, máster en Administración e Dirección de Empresas por ICADE, diploma en Alta Dirección de Servizos Sanitarios polo IESE e diploma en Xestión e Dirección de Entidades sen Fins de Lucro pola Escola de Economía.
Traballou como técnico en función administrativa no Hospital Universitario Clínico San Carlos entre os anos 1997 e 1999, nos departamentos de contabilidade analítica, facturación, xestión económica, subministración e análise de consumo. Entre 1999 e 2001 foi o director de xestión do Hospital Comarcal Gutiérrez Ortega de Valdepeñas e, entre 2001 e 2008, ocupou o cargo de subdirector de xestión económica do Hospital Universitario Clínico San Carlos, onde foi o encargado de xestionar o orzamento do hospital. Desde o ano 2008 ata a actualidade, ocupou o posto de director de xestión e servizos xerais do Hospital Universitario Príncipe de Asturias, onde se encargou da xestión económica do hospital e foi responsable das tres subdireccións non asistenciais: económica, servizos xerais e recursos humanos.
Interveu, ademais, como relator en diferentes cursos e conferencias en distintos lugares de España, entre elas O mantemento da electromedicina nos hospitais, que se celebrou en Santiago de Compostela.
DIRECTORA DE RECURSOS HUMANOS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
Esperanza Fernández Lago
É licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, Ourense, no 1994-1999. Cursou un máster de Xestión de Empresas de Automoción entre 2001 e 2002 e un curso de Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais, entre 2006 e 2007.
Desde decembro de 2007 era directora de Recursos Humanos de Zara Loxística e responsable de Recursos Humanos de Loxística Inditex. Previamente, foi adxunta ao responsable de Recursos Humanos de Loxística Inditex. Entre decembro de 2002 e febreiro de 2007, traballou como responsable de RR.HH da empresa Prevent Vigo, S.A. e de maio de 2001 a decembro de 2002, foi adxunta ao departamento de RR.HH de Faurecia Sistemas de Escape España, S.A. De febreiro de 2001 a novembro de 2002, traballou no despacho Silveira Solla Abogados.
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
DIRECTORA XERAL DE INNOVACIÓN E INDUSTRIAS AGRARIAS E FORESTAIS
Alejandra Álvarez de Mon Riego
Naceu en Lugo no ano 1961. É enxeñeira agrónoma pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid, especialidade de Enxeñaría rural. Funcionaria do Corpo de Enxeñeiros Agrónomos e secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.
Ano 1987. Enxeñeira agrónomo en funcións facultativas do Servizo de Estruturas Agrarias da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes en A Coruña.
Ano 1988. Xefa de Sección de Programas de Produción na Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes
Ano 1990. Xefa de Servizo de Infraestrutura Rural da Dirección Xeral de Estrutura e Desenvolvemento Rural en Santiago
Ano 1995. Xefa do Servizo de Industrias e Comercialización Agroalimentaria da Consellería na Coruña
Ano 1996. Subdirectora xeral de Desenvolvemento Rural en Santiago
Ano 1998. Xefa do Servizo de Industrias e Comercialización Agroalimentaria na Coruña
Ano 2001. Subdirectora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
Ano 2006. Xefa de área de Axudas de FOGGA da Consellería do Medio Rural.
Ano 2006. Xefa de sección de calidade do servizo de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na Coruña
DIRECTOR XERAL DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA
Ricardo García-Borregón Millán
Naceu en Pontevedra no ano 1952, casado e con dous fillos.
Enxeñeiro superior de montes pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes da Universidade Politécnica de Madrid, desenvolveu a súa actividade profesional nas empresas Proullasa, na Asociación Galega de Fabricantes de Taboleiro, Finsa, Intasa, e Grupo PG- Galicia.
Foi presidente da Asociación de Selvicultores de Galicia, presidente do Clúster da Madeira de Galicia, vicepresidente do Centro Tecnolóxico da Madeira, presidente de Asaja- Forestal, vicepresidente, primeiro, e despois presidente do Programa para a Certificación Forestal Paneuropea, vogal- conselleiro de CES-Galicia, vogal do Consello Nacional de Bosques do Ministerio de Medio Ambiente e membro do Comité Executivo Forestal da Unión Europea.
Milita no Partido Popular desde o ano 1983. Foi concelleiro do concello de Santiago de Compostela, voceiro do grupo municipal e concelleiro responsable do seguimento en materia de urbanismo e ambiente. Deputado provincial desde 2007 e voceiro de Medio Ambiente, ademais de concelleiro da Empresa Municipal da Vivenda e Solo de Santiago.
Ten participado en máis de 100 actos como conferenciante e relator en mesas redondas, ademais de en distintos congresos, feiras e reunións profesionais nacionais e internacionais.
O GOBERNO GALEGO PON EN MARCHA UNHA MESA DE TRABALLO INTERDEPARTAMENTAL QUE SE ENCARGARÁ DE ELABORAR O PLAN DE CHOQUE CONTRA A CRISE
Atallar o problema da perda de empregos será a prioridade deste equipo no cal estarán implicados os departamentos de Traballo e Benestar, Facenda e Economía e Industria
O Consello da Xunta aprobou hoxe a constitución dunha mesa de traballo interdepartamental para a posta en marcha dun programa de reactivación do mercado laboral de Galicia.
Esta mesa, que estará pilotada pola Consellería de Traballo e na que estarán implicados os departamentos de Facenda e Economía e Industria, será a encargada de elaborar un paquete de medidas para facer fronte á actual situación de crise.
Nunha primeira fase confeccionará un borrador de medidas que será debatido despois cos axentes sociais para tentar consensuar a posta en marcha dun plan de choque que recolla os mecanismos máis urxentes co fin de facer fronte á perda de empregos que rexistra a Comunidade galega.
Posteriormente elaborarase un programa a executar a máis longo prazo, encamiñado a reactivar a economía e impulsar o emprego.
A través desta mesa de traballo, na que, de xeito transversal, participan tres consellerías, o Goberno galego formulará os mecanismos que, desde diferentes departamentos, se adoptarán para paliar os efectos do desemprego que, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada o pasado 24 de abril, afecta 162.000 persoas en Galicia.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 1 DE MAIO, DIA INTERNACIONAL DO TRABALLO
Cumprindo cos compromisos adquiridos co pobo galego, o Goberno galego ten como un dos seus obxectivos a superación da situación de crise económica pola que atravesa o noso mercado laboral.
Ante as actuais cifras de paro que minguan o benestar das nosas familias, máis ca nunca poñémonos a traballar sen demora para que esta situación mude.
Por iso, cómpre mirar de fronte o que temos diante e, desde a responsabilidade, recoñecer que a situación económica existente actualmente en Galicia ao igual ca no resto do Estado español non é a que o Goberno galego e todos os traballadores e traballadoras desexamos.
Pero con ser preocupantes estes datos, o que nos debe guiar é a necesidade de xerar confianza dende as institucións, algo que resulta imprescindible para afrontar a recuperación económica. O que toca agora é que os gobernos, todos os gobernos, recuperen a credibilidade e o rigor.
E así, neste Día Internacional do Traballo, día de conmemoración do movemento obreiro mundial, o Goberno galego máis ca nunca quere declarar o seu apoio aos dereitos dos traballadores e traballadoras galegos e que non escatimaremos esforzos para facer real e efectivo o precepto constitucional do dereito ao traballo.
Que as nosas empresas poidan producir e manter o emprego, así como crear novos postos de traballo e que as relacións laborais se desenvolvan nunhas condicións laborais estables, iguais, saudables e seguras para os traballadores e traballadoras que prestan o seu traballo na nosa comunidade son os retos que trataremos de alcanzar.
Sabemos do importante e arduo esforzo que isto nos vai requirir pero temos a ilusión e a convicción de que o acadaremos entre todas e todos os actores que interveñen no mundo laboral.
É por isto que, aproveitando esta data de conmemoración, reiteramos o noso compromiso da defensa dunha política social e económica que xere máis emprego e de maior calidade, a defensa dun emprego digno e dun mercado laboral dinámico que posibilite o desenvolvemento da nosa economía.
A folla de ruta no eido laboral será, a través das ferramentas do diálogo permanente e do consenso, porque só así seremos, entre todos, capaces da sacar adiante esta situación.
O noso reto é, polo tanto, dar oportunidades a todos os galegos e galegas cunha boa política de emprego para garantir a competitividade da nosa economía e o seu benestar futuro.
Así é como queremos que se conmemore este día, coas ilusións renovadas e coa perspectiva de conseguir que Galicia recupere a creación de emprego, invertindo a actual tendencia de destrución.
A CONSELLEIRA DE SANIDADE INFORMOU DAS MEDIDAS LEVADAS A CABO POLO SEU DEPARTAMENTO POR MOR DA SITUACIÓN DE ALERTA SANITARIA XERADA POLA NOVA GRIPE
Todas as actuacións se están a realizar de acordo cos criterios indicados polo Ministerio de Sanidade e Política Social
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou hoxe, no Consello da Xunta, das actuacións e medidas levadas a cabo polo seu departamento, por mor da situación xerada pola gripe nova, e que están sendo postas en marcha en coordinación co resto das comunidades autónomas do Estado e baixo a dirección do Ministerio de Sanidade e Política Social, que é a autoridade en casos de risco de pandemia. Neste senso de total cooperación, Pilar Farjas xa asistiu o pasado luns, día 27, á sesión plenaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que se tratou a situación creada pola nova gripe.
A responsable da carteira sanitaria do executivo que preside Feijóo indicou na xuntanza de hoxe do Goberno galego que, desde o sábado pasado, está en alerta a rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, e que tamén, desde o sábado pasado, está dispoñible na páxina web da Consellería de Sanidade (www.sergas.es ou www.galiciasaude.es), tanto a información para a cidadanía como para todas e todos os profesionais sanitarios.
Pilar Farjas tamén informou no Consello da Xunta que o operativo que ten en marcha o seu departamento céntrase, como estratexia fundamental, na identificación rápida e temperá dos posibles casos e, deste xeito, tentar reducir a transmisión do virus.
A conselleira de Sanidade xa mantivo, desde o comezo desta situación xerada, contactos co departamento de Educación e Ordenación Universitaria -para interesarse por se houbese algún grupo de estudantes en viaxe de estudos a México (cousa que, neste momento non sucede); e co de Medio Rural, -para transmitirlles tranquilidade ás asociacións gandeiras e informar o sector de que non hai ningunha medida de restrición en relación cos alimentos de orixe porcina-, posto que a transmisión do virus é de persoa a persoa.
A máxima responsable da Sanidade galega tamén informou no Consello da Xunta que mantivo contactos cos alcaldes de Avión, Beariz e A Lama, ostres concellos galegos con máis poboación residente en México para comunicar aos alcaldes das actuacións que se están a lavar a cabo.
Así mesmo, comunicou que se solicitou á ministra de Sanidade, Trinidad Jiménez, que se acelere a sinatura do convenio co Ministerio de Defensa para o encapsulamento da medicación a granel e que amplíe o número de doses xa dispoñibles.
O informe hoxe presentado recolle que a cidadanía galega ten á súa disposición dous números de teléfono (902 400 116 e o 061), para consultar neles todas aquelas dúbidas que teña relacionadas con este asunto. Ata a actualidade, o baixo número de chamadas recibidas reflicte unha situación de normalidade entre a poboación. Así mesmo, Sanidade quere insistir na importancia de non automedicarse.
A Comunidade Autónoma galega dispón, na actualidade, de 5,5 millóns de doses de antivirais, para atender a redor de 500.000 persoas, posto que a Organización Mundial da Saúde recomenda unha porcentaxe que sirva para atender o 20% da poboación en caso de pandemia.
Pilar Farjas tamén informou o Consello da comunicación permanente que os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade está a ter cos do Ministerio de Sanidade e Política Social (máxima autoridade en casos de risco de pandemia), e cos do resto de comunidades autónomas do Estado.
Por último, comunicou aos membros do Goberno galego que hoxe ás 17.00 horas presidirá a reunión da Comisión Asesora do Plan Galego de preparación e resposta á pandemia de gripe.