VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O paro rexistrado en Galicia durante o mes de maio experimentou un descenso de 3.144 persoas, un 1,49 por cento, un descenso que “polo de agora non se pode interpretar como un cambio de tendencia” e que polo momento non poden ser analizados “desde o optimismo”, posto que Galicia segue a ter 207.518 desempregados. Así o explicou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, quen presentou en rolda de prensa os datos do paro rexistrado o pasado mes de maio.
A taxa interanual, que amosa un aumento do 32,3 por cento, o que significa que desde maio de 2008, e ata o mes pasado, hai 50.739 desempregados máis na Comunidade galega, “é unha cifra que segue a ter preocupado ao Goberno”, indicou Díaz López.
Por iso, “haberá que esperar a finais de ano cando, de darse reducións significativas, poderíamos falar de cambios de tendencia”, algo que agora non podemos concluír, sobre todo tendo en conta que os servizos foron os únicos que “tiraron un pouquiño” do emprego, o que “nos fai ver a influencia da estacionalización no dato deste mes.”
A redución apenas superou os 3.000 dentro dunha cifra de 210.000, subliñou Díaz López, o que obriga a ser “cautos.” “Non é unha cuestión de apreciación, senón de números”. Maio, argumentou Díaz López, é un mes no que tradicionalmente descende o paro, e que historicamente “tivo un comportamento mellor que este.”
Tendo en conta os meses de maio desde 2002, pódese observar que estamos no “peor” dato dun mes de maio, agás o pasado ano, cando se iniciou a crise.
Por provincias, destacou a rebaixa no número de desempregados en Pontevedra, cunha diminución de 1.781 persoas, o que supón o 56,6 por cento dos datos totais galegos, cifra que a responsable de Colocación non relacionou tanto co sector da automoción como co turismo e servizos estivais.
Por sectores, a maior rebaixa tivo lugar no sector servizos (-2.243 persoas), seguido pola industria (-891) e a construción (-789). Pola contra, o paro aumentou no colectivo sen emprego anterior (+573) e na agricultura (+206).
Neste sentido, indicou que esta rebaixa na agricultura reflicte que “non é un bo momento para o sector primario”, así como destacou a baixada na afiliación do colectivo de autónomos, cun descenso moi acusado, de máis de 500 con respecto ao pasado mes.
Xa no ámbito estatal, Galicia é a quinta comunidade onde menos se incrementou o paro este mes, e a segunda onde menos aumentou o número de desempregados en termos interanuais.
Ante este contexto, Ana María Díaz López insistiu en que hai que “traballar” para diminuír o número de desempregados e, neste sentido, recordou que o Goberno galego traballa nun plan de choque para paliar esta situación que se presentará “nun breve prazo” aos sindicatos co fin de consensuar as medidas.