VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación, Rafael Louzán, o presidente da Federación Española de Balonmán, Juan de Dios Román, e o responsable da área de Deportes da institución, José Enrique Sotelo, anunciaron hoxe a celebración en Pontevedra de partidos da Selección Española de Balonmán clasificatorios para o campionato europeo. Estes terán lugar, concretamente, en instalacións deportivas de Vigo, Cangas e Pontevedra os días 14, 17 e 21 de xuño.
Doutra banda, Juan de Dios Román anunciou que a vindeira asamblea da Federación Española terá lugar en Pontevedra, posiblemente no Pazo da Deputación, o vindeiro día 20 de xuño. Isto suporá o desprazamento ata a cidade dunhas 200 persoas entre os compromisarios e a xunta directiva.
Tamén está prevista a organización dun Simposio de Prensa Deportiva no Hotel Isla de A Toxa, o 19 de xuño; e unhas charlas teórico prácticas dirixidas a adestradores que se celebrará posiblemente na Sede da Deputación en Vigo os días 12 e 13 de xuño.
Finalmente, o Centro de Vacacións da Lanzada acollerá o xa coñecido campus Juan de Dios Román. Este terá lugar do 27 de xuño ata o 4 de xullo e terá capacidade para 90 participantes.
Con estas accións, afirmou Louzán, “Pontevedra converterase durante dúas semanas no centro do balonmán español”. Pola súa banda, Juan de Dios Román destacou o destacable apoio da Deputación a este deporte e, concretamente, fixo referencia ás accións dirixidas á base que posibilitarán unha forte canteira de deportistas en Pontevedra. Sobre este respecto, puxo de relevo as escolas deportivas que organiza a institución de forma totalmente gratuíta e que se clausuraron a pasada fin de semana diante do Pazo da Deputación coa presenza de máis de 1.000 nenos.