VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá en Pontevedra nun reparto de propaganda no que tamén realizou declaracións aos medios de comunicación. Alí asegurou que o que quere o BNG “é que ao noso país se lle dea en Europa o mesmo trato que se lles dá aos demais”.
“Cando se dedican miles de millóns de euros a salvar sectores como o da banca ou para salvar Opel ou General Motors implícanse os gobernos e se busca a unha empresa que se faga cargo e se meten miles de millóns de euros, nós temos que solicitar un trato semellante para o noso país”, afirmou.
“É difícil de explicar que se actúe asi neses casos e non para salvar ao sector lácteo e, por exemplo á factoría Pascual, aos gobernos nin se lles ve, nin se lles espera”, dixo.
“Queremos unha Europa máis democrática, máis social, máis equilibrada territorialmente”, reclamou Guillerme Vázquez.
Situación das infraestruturas
O líder nacionalista quixo lembrar que as do vindeiro domingo “son unhas eleccións que interesan ao pobo galego porque en Europa se deciden cuestións que nos afectan”. Neste sentido, o portavoz nacional aludíu a situacións como a de crise que está a padecer o sector lácteo ou a distribución dos fondos de cohesión estruturais como exemplo da importancia que teñen para Galiza as decisións que se adoptan en Bruxelas.
Tamén se referíu Vázquez á situación das infraestruturas no País e aludíu ás declaracións do Ministro de Fomento nos últimos días. “Acabamos de descubrir que non só non está previsto que as infraestruturas se conclúan nun prazo razoábel, senón que imos volver empezar a deseñar o trazado da alta velocidade”, explicou.
Mais, a situación non se limita a iso, tal e como explicou Vázquez porque “o eixo ferroviario Ferrol-Vigo non avanza, vai a un ritmo que se fai insufríbel e das liñas interiores nin se fala e a conexión con Portugal non está prevista”.
Neste sentido, o número un do BNG criticou a pasividade do goberno do estado e explicou que “son cuestións que hai que debater en Europa” e lembrou que existen fondos de cohesión que se deben dedicar a rexións obxectivo 1, como era o caso de Galiza, en lugar de “construír T4 ou cousas que nos fan seguir no vagón de cola das infraestruturas”.
Referíuse tamén Vázquez a outras cuestións que se deciden na UE como a situación da pesca ou o veto á factoría de Astano.
Superdelegados
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a polémica xurdida na provincia de Pontevedra ante a creación dunha delegación da Xunta en Vigo, Guillerme Vázquez afirmou que o posicionamento do BNG é claro “a estrutura de superdelegados non pretende achegar aos servizos dos cidadáns, senón que persigue crear unha administración paralela do PP, concentrada no secretario xeral do PP”.
“Non estamos diante dun conflito entre Pontevedra e Vigo, senón dun conflito creado exclusivamente polo PP e que terán que arreglar eles”, asegurou, e como proba disto mencionou o feito de que teñan cambiado de posición”. “Habería que perguntarse”, continuou o portavoz nacional, “se esa estrutura tan acaída non se aplica en Santiago, en Ferrol, en Monforte ou no Barco de Valdeorras”.
O líder nacionalista quixo aclarar tamén, en resposta ás cuestións dos medios de comunicación que o BNG se presenta en coaligazón porque tal e como está configurada a circunscrición do estado español as forzas políticas sen dimensión estatal ven mermada a súa representación.
“Vimos demandando anos e anos que se admite a circunscrición eleitoral autonómica nas eleccións europeas”, aclarou, “pero está pensado só para que só dous grupos políticos estatais obteñan representación”. Lembrou tamén que o tratado de Niza, asinado por Aznar, reducíu o número de eurodeputados do estado e obriga ás forzas políticas sen dimensión estatal a concorrer en coaligazón ás eleccións mais, “nós presentamos o noso programa, as nosas listas e as nosas propostas en Galiza”.