O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .-O Partido Popular de O Porriño sacou adiante unha moción en defensa dun bilingüismo cordial no pleno do pasado xoves 28 de maio. A proposta foi aprobada por maioría absoluta co apoio dos concelleiros de Independentes de Porriño e Ciudadanos por Porriño. Partindo de que “non podemos permitirnos que a nosa principal referencia identitaria se convera nun instrumento para a división social, nun arma de enfrontamentos, divisón ou imposicións”, explica a viceportavoz Eva Álvarez, “apostamos por un bilingüismo cordial fomentado polos poderes públicos e que deberá conducir á coexistencia pacífica de ámbalas dúas linguas oficiais en todas as esferas sociais”, sostén a concelleira en nome de todo o seu partido.
Este principio de cooficialidade lingüística tradúces no dereito das persoas a poder escoller a lingua oficial que consideren oportuna. “Trátase, polo tanto, de consugar a protección e promoción do galego co respecto á liberdade lingüística”, subliña Álvarez. E por todo isto, o Grupo Municipal Popular presenta unha moción baseada na articulación dun modelo que garanta, ao remate das etapas educativas, a igual competencia nas dúas linguas oficiais, atendendo tanto á liberdade lingüística como á promoción do galego; na consulta cos sectores implicaos en materia educativa, incluíndo pais e nais, a definición dun modelo lingüístico que garanta a convivencia das dúas linguas; e na insistencia nas políticas de promoción en positivo e de fomento da lingua galega.
Nesta liña, o Bloque Nacionalista Galego presentou outra moción que “en teoría era unha defensa do galego, pero o único que facía era atacar directamente ao Partido Popular dicindo que empregábamos os medios políticos e mediáticos para deixar de lado ó galego, atacando ó novo goberno por todo o que fixo nestes dous meses para discricimir a lingua galega”, sinala Álvarez. Finalmente, a moción foi rexeitada cos votos dos mesmos que aprobaron a anterior.
Quedaron sobre a mesa para un mellor debate outros dous puntos do día
Outra das cuestións a destacar desta última sesión plenaria foron o acordo aprobatorio do expediente de contratación e do prego de cláusulas económico-administrativas e técnicas que rexerán a licitación para a adxudicación, polo procedemento aberto, da permuta de terreos de titularidade municipal na área de reparto 15 para a construción de vivendas de protección autonómica e a aprobación definitiva do plan parcial do sur PPR 6. Dous puntos do día que o Partido Popular propuxo que “quedasen sobre a mesa para un mellor debate”, unha proposición que resultou respaldada por maioría absoluta.
No primeiro dos casos, a base da proposta foi que “co prezo que o Concello pon ó terreo, 2,2 millóns de euros, os pisos de protección oficial a construír en Torneiros saen máis caros que a vivenda libre –90 m2 con garaxe e trastero, 120.000 euros aproximadamente-”, explica o pressidente popular Manuel Carrera. En canto ó plan parcial para construír na estrada Porriño-Tui chalets adosados e para cumprir coa porcentaxe de vivenda protexida que marca a lei, levantando diante un bloque de tres pisos de altura, o PP local entende que “a proposta terá que ser máis traballada ó seren desfavorables tanto o informe do arquitecto como o do secretario”, conclúe Carrera.