VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, continuou hoxe a rolda de reunións sectoriais que vén realizando dende a súa incorporación ao cargo para presentarse e coñecer aos diferentes subsectores así como para percibir de primeira man as súas inquedanzas e propostas de solucións á situación actual e ás expectativas que teñen sobre a nova Administración Turística. Hoxe tivo lugar o encontro do sector de aloxamentos na que estiveron presentes, ademais de Carmen Pardo, os seguintes entes asociativos: a Asociación Galega de Cámpings, Pazos de Galicia, AGATUR, FEGATUR, Cehosga, Hospeco, Asehospo, Asociación Galega de Balnearios e mais as asociacións provincias de empresarios de hostalería da Coruña, Santiago, Ourense, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, Lugo e Vigo.
Neste encontro, acordouse activar campañas específicas de promoción –a través de Turgalicia- que de maneira urxente se porán en marcha de cara a tempada de verán para – de xeito estratéxico- paliar o baixo nivel de reservas que os participantes manifestaron que tiñan tendo como referencia as cifras do 2008 nestas datas.
Doutra parte, a secretaria xeral para o Turismo propuxo como liña de traballo para os próximos anos a realización dun debate sobre o estado do Turismo con todo o sector, os responsables turísticos dos organismos e entidades provinciais e varios. Deste debate sairá un documento que conterá as liñas estratéxicas de actuación de cara aos vindeiros anos.
Entre as cuestións abordadas no encontro desta mañá estivo a nova Lei de Turismo de Galicia, de decembro de 2008, no relativo á nova clasificación de establecementos que contén e que non conta co consenso do sector. Así mesmo falouse da nova Directiva de Servizos de 2006 que afecta especialmente a este subsector turístico e da que non existe aínda Transposición algunha sendo esta obrigatoria antes do 31 de decembro de 2010.
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, amosouse satisfeita por esta primeira reunión cun sector que, “a pesar dos momentos que vivimos, amosouse esperanzado e dinámico para que Galicia aproveite esta conxuntura económica reposicionándose no contexto rexional, nacional e internacional”.