VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería de Traballo e Benestar destina un total de 34,2 millóns de euros para impulsar o emprego nos concellos galegos. Estas axudas executaranse a través de programas de cooperación coas entidades locais, que a partir da segunda quincena de xuño xa poderán iniciar unhas contratacións que beneficiarán a un total de 3.899 traballadores, con contratos que irán de tres a doce meses.
Con este plan de cooperación e fomento do emprego a través das entidades locais a Xunta de Galicia pretende, ademais de xerar novos postos de traballo no medio local e rural e servir de ferramenta de empregabilidade, paliar as consecuencias desta crise económica.
Por provincias, A Coruña será a que máis reciba, 11,2 millóns de euros, o que permitirá empregar a 1.351 persoas, seguida de Pontevedra, con 10,6 millóns de euros, para1.258 empregos, Ourense con 6,2 millóns, para 789, e Lugo con 6 millóns, para 501.
Este reparto faise en base á poboación e á taxa de desempregados que teñen as diferentes provincias galegas.
O desexo do novo goberno da Xunta de Galicia é dar unha resposta rápida e áxil a aquelas persoas que sofren a dramática situación de quedar sen emprego. Moitas das persoas que acaban de perder o seu posto de traballo converteranse en beneficiarias directas destas contratacións.
A área con maior número de contratacións son os Grupos de Intervención Rápida (GRUMIR) cun total de 732 persoas repartidas en distintos municipios galegos, seguido das brigadas de limpeza de praias e socorristas que son outras das accións máis demandadas polas entidades locais.
Estes municipios xa poden comezar coa selección deste persoal tan necesario nesta época do ano. As brigadas de conservación e limpeza de zonas verdes e as que se ocupan do acondicionamento de instalacións e espazos públicos son outras das actividades que reúnen a máis contratados. Ademais este programa de cooperación fomenta a inserción laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero.
Trátase dunha primeira fase coa que conta este programa de cooperación coas entidades locais que, previsiblemente, terá continuidade ao longo deste ano con máis medidas encamiñadas ó fomento do emprego.