VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pregunta ao Goberno que plans ten para os treitos de ferrocarril adxacentes á estación de Urzaiz (Vigo) que están en desuso.
Davila sinala que diferentes obras no trazado de ferrocarril adxacente á estación de Urzaiz en Vigo, deixaron en desuso antigos treitos. “É o caso de treitos como o de Teis-Urzaiz, Canadelo ou o túnel de Alfonso XIII”.
“Van permanecer en estado de abandono? É consciente o Goberno das consecuencias que se poden xenerar desde o punto de vista da seguridade ou da salubridade? Non considera que se debería dar unha solución para evitar que fiquen en estado de abandono?”, son algunhas das cuestións que a deputada do BNG dirixe ao Goberno.
Nese sentido, quer saber se eses treitos se poderían recuperar e se considerou o Goberno a reversión dos mesmos ao concello de Vigo.