02 junio 2009

El Bloque le da un repasito a Pepe Blanco para que no se extralimite...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, deu esta mañá unha rolda de prensa na que respondeu ás declaracións do Ministro de Fomento, Xosé Blanco, nas que pedía á Xunta que faga algo máis por Leite Pascual. O líder nacionalista subliñou que “tamén Blanco e Zapatero poden facer algo máis. Igual que se inxectan miles de millóns á banca ou se dan axudas á industria do automóbil” e reivindicou que “para unha cousa que require menos investimentos, se nos diga que aí non hai pouquiño que facer”.

“Se se pode salvar Citroën, como non se vai poder salvar unha fábrica que é fundamental para a provincia de Lugo?” perguntouse

vázquez esixíu ao goberno do estado que “dunha vez por todasexerza o seu dereito de veto se ten que exercer a redistribuír a produción de leite a nivel de Europa”.

Tal e como indicou o líder nacionalista, a solución deste problema “é tan sinxela como que os países excedentarios teñen que diminuír a produción e os deficitarios, aumentala”. Neste sentido, lembrou que o PP e o PSOE veñen de apoiar no Congreso dos Deputados unha proposta de resolución presentada polo BNG no Debate de Política Xeral nestes mesmos termos.

Vázquez instou tamén ao goberno a actuar para conseguir “un control dos mercados e os prezos. Dirán que non se pode”, aclarou, “pero igual que se manteñen os prezos da gasoliña ou dos coches, pódese controlar o que se queira controlar”.

O portavoz nacional reclamou a adopción de “medidas a curto prazo, máis alá de visitar fábricas. Debe haber unha garantía de recollida de todo o leite producido e cómpre articular axudas directas non produtivas que compensen aos gandeiros polos baixos prezos de custe”.

Guillerme Vázquez afirmou de xeito rotundo que estas medidas son factíbeis “pódese facer e faise” e puxo como exemplo o caso de General Motors ou Opel nos que “o goberno de EEUU e alemán acuden prestos ao rescate desa situación inxectando miles de millóns de euros ou dólares e favorecendo que determinada empresa se faga cargo da situación”.

Neste sentido, o portavoz nacional lembrou que, se estas empresas supoñen 53.000 postos de traballo, as 13.000 explotacións gandeiras do país tamén poden acumular preto de 40.000 empregos e perguntouse se “un son empregos de primeira e outros de segunda?”

Pasividade do goberno estatal coas infraestruturas en Galiza

O número un do BNG criticou tamén na súa intervención a pasividade de PP e PSOE no goberno do Estado na posta en marcha de infraestruturas ferroviarias no noso país.

Asi, sobre o anuncio do Ministro de Fomento sobre as obras do AVE en Galiza, Vázquez lembrou que “despois de oito anos de goberno do señor Aznar e 6 de Zapatero, 14 anos seguimos atopándonos nunha situación na que descubrimos que nin os proxectos previstos nin os prazos eran certos”.

Guillerme Vázquez afirmou que as obras do eixo ferroviario Ferrol-Vigo avanzan “coa lentitude do Imperio Romano mentres a conexión Ourense-Lugo-A Coruña nin se contemplaba, a conexión con Portugal segue tamén sen facerse”.

O portavoz nacional lembrou que o AVE Madrid-Sevilla se puxo en marcha en 1992 e apuntou que en Andalucía, Valencia, Cataluña ou en Euscadi as obras “están rematadas ou en obras mentres nós estamos aínda reconsiderando a ver como facemos os proxectos. Non é de recibo, non basta con dicir esquezamos o pasado”.

Vázquez lembrou a cantidade de fondos estruturais europeos que se teñen gastado no desenvolvemento de infraestruturas para que “Galiza sexa a última, outra vez, en modernizar as súas infraestruturas”.

O líder nacionalista estivo despois na rúa da Raíña onde repartíu propaganda acompañado do portavoz municipal e o responsábel comarcal, asi como concelleiros, concelleiras e deputados provinciais.