02 junio 2009

Nuevo capítulo del evangelio de Núñez Feijóo y nuevo repaso al galeguismo cordial

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-“Teño fe nas posibilidades que atesoura Galicia”, afirmou hoxe o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Para o mandatario autonómico, “a Xunta de Galicia está mostrando unha acción de goberno áxil, adaptada á realidade, consensuada cos actores económicos e sociais e que dá respostas efectivas en momentos de crise e de dificultade”. O traballo desempeñado polo novo Executivo autonómico, nestas primeiras semanas estivo centrado, segundo as súas mesmas palabras, en catro eixes: “austeridade, transparencia, axilidade e eficacia”.

Na súa intervención, o presidente galego resaltou que “o Goberno, todo o Goberno, estase volcando en xestionar de forma eficiente os recursos públicos, traballando na busca da mellora do noso benestar económico e social”. Feijóo sinalou a gravidade de actual conxuntura económica e avanzou que nas vindeiras semanas presentará un “plan de choque que incluirá unha serie de medidas prioritarias centradas na economía, pero tamén nas necesidades sociais dos que máis están acusando esta crise”.

Trátase, explicou, dun plan coordinado entre as diferentes consellerías que terá como obxectivo “fomentar o emprego, atender as necesidades sociais dos cidadáns, impulsar o tecido produtivo da nosa Comunidade e dotar de confianza as estruturas económicas e financeiras de Galicia”.

Austeridade e transparencia
Feijóo presentou as súas prioridades á fronte do Goberno galego no Foro de la Nueva Economía en Madrid, onde puxo en valor a súa aposta pola austeridade, que o levou a reducir o número de consellerías (de 13 a 10), o número de altos cargos (nun 46%), a racionalizar a administración periférica (pasando de 52 a 5 delegados provinciais) e recortando nun 26% o persoal de gabinete. Este compromiso coa austeridade, expuxo, suporá un aforro de 30 millóns de euros ao longo da lexislatura, e “estará presente en cada unha das decisións que tomaremos”, afirmou.

O presidente destacou así mesmo que o Goberno galego adoptou como máxima a tranparencia, polo que “está a presentarlles aos galegos a verdade” en relación co estado das arcas públicas, sobre a xestión dos seu diñeiro nestes anos e sobre as causas que e explican a situación actual de Galicia.

Nese sentido, Feijóo lamentou que o anterior goberno autonómico non aproveitase a bonanza económica dos últimos anos para “tomar decisións estruturais que garantisen a solidez da economía galega”. En lugar diso, afirmou que cando se puxo á fronte da Xunta, o actual Executivo topou cunha “desviación de 1.200 millóns de euros, froito dunha acción irresponsable do goberno bipartito, e que puxeron en serio risco a nosa capacidade de acción”.

O presidente da Xunta indicou que a axilidade tampouco guiou a acción do anterior goberno ante a crise, mentres que o actual a adoptou como principio de actuación. Como mostra, apuntou que o Goberno xa aprobou o adianto de 70 millóns de euros das axudas da PAC ao sector lácteo e activou, cun orzamento de 6 millóns de euros, o plan re-Móvete de axudas de ata 1.500 millóns de euros á compra de vehículos, un esforzo que “é tres veces superior” ao do Goberno central. Sobre estas medidas, o presidente subliñou que teñen como denominador común que foron “consensuadas previamente cos sectores afectados”.

O Xacobeo, activado nun mes
Feijóo, quen se referiu á capacidade de xestión e reacción demostrada pola Consellería de Sandidade ante a nova gripe, así como á anunciada redución do 50% dos impostos de actos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, fixo especial fincapé nos pasos dados polo Goberno galego de cara á preparación do Xacobeo 2010. Nese sentido sinalou que cando chegou o actual Executivo “nada estaba feito a 8 meses do seu inicio, tal e como advertiron e lamentaron concellos, Igrexa e sector cultural”.

Fronte a isto, o presidente da Xunta presentou a “axilidade” do Goberno galego, que, en a penas un mes, completou o equipo, buscou a “complicidade” da Casa Real, levou un informe ao Consello da Xunta e instou a tramitación de exencións fiscais para as empresas patrocinadoras. Asegurou que Galicia agarda recibir 10 millóns de visitantes o ano que ven, e convidou a participar dun Xacobeo que será “histórico, austero, cultural e espiritual” e que debe funcionar ademais como “un revulsivo para a economía”.

Galeguismo cordial
Alberto Núñez Feijóo mostrouse contrario aos que “pretenden establecer unha financiación autonómica que premie as comunidades coas rendas máis altas”, dando así a entender que “a situación duns e outros territorios é consecuencia da súa laboriosidade ou espírito emprendedor”, o que supón separar entre “nacionalidades ou rexións formigas e outras que terían feito de cigarras”.

Fronte a isto, o presidente da Xunta defendeu unha “España integrada e equilibrada”, na que situou o “galeguismo cordial” maioritario na sociedade galega. Existe, remarcou, “un galeguismo natural, amable, respectuoso, que se abre ao exterior e ao futuro”, e sinalou que a tarefa do Goberno é recuperar ese valor “que se dilapidou nestes anos por culpa de políticas pensadas por minorías e destinadas a compracer a minorías”.

Así mesmo, Feijóo reivindicou o bilingüismo harmónico e avogou por facer das linguas uns instrumentos de convivencia na rúa, no traballao e na escola, algo que “reclamaron a maioría dos galegos nas urnas”.