Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, solicitou a comparecencia do Presidente de Correos na Cámara Baixa para que explique as insuficiencias, as carencias de personal e o deterioro do servizo postal na Galiza.
Ademáis, o deputado do BNG rexistrou unha iniciativa parlamentar na que demanda ao Goberno que mellore a situación do servizo postal na Galiza. Quer saber tamén cais son as intencións do Goberno respeito do futuro de Correos no territorio galego e cal é o compromiso co servizo postal universal, de mellora da súa calidade.
Malestar dos traballadores pola perda de empregos e o recargo de traballo
Jorquera lembra que o domingo 14 de xuño máis de mil traballadores de Correos de Galiza se manifestaban en Santiago para protestar polas deficiencias de personal e a constante perda de emprego no servizo postal galego. Un dos motivos do malestar é a drástica reducción das contratacións de Correos para cubrir a campaña de verán.
Unha diminución, sinala o deputado do BNG, que implica que “a carga de traballo sexa asumida polos empregados de Correos, circunstancia que duplicará o seu traballo e repercutirá na calidade do servizo”. Para Jorquera “isto é unha pedra máis no camiño que leva ao desmantelamento do servizo público de Correos en Galiza”.
Opina o parlamentar nacionalista que non “é xustificábel que Correos pretenda aforrar custes a base de aumentar a carga de traballo dos traballadores, eliminar postos de traballo e mermar a calidade do servizo”. Ademais, aclara, “non vale o argumento da diminución da correspondencia cando se está a producir un aumento importante da correspondencia certificada que require unha maior tramitación. Así como aumentou a correspondencia cíclica”.
Esta é a razón pola que pregunta ao Goberno por que reduciu tanto a contratación de personal para cubrir as necesidades dos vindeiros meses. De xeito xeral, Jorquera insta ao Goberno a estudar a situación do servizo postal en Galiza e adoptar as medidas precisas para o seu reforzo.