Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pede ao Goberno que amplíe o prazo para rexistrar embarcacións pesqueiras que remata o vindeiro 30 de xuño.
Ademáis, a parlamentar nacionalista insta ao Executivo a modificar os requisitos para a regularización de embarcacións, fixado na lei 9/2007, de 22 de xuño, de xeito que se adecúe ás singularidades propias dos barcos galegos.
Neste sentido, lembra ao Goberno que na Galiza aínda hai máis de 2.000 barcos sen rexistrar, “o que ven a dar a razón ao BNG que no debate da lei mencionada sobre regularización e actualización de inscripcións de embarcacións, advertíamos ao Goberno sobre os agravios para a frota galega polas medidas e os GT que se exixen para o rexistro.
A lei de 2007 empiorou o proceso de regularización das embarcacións
Lembrabamos, sinala Davila, que coa instrucción da Mariña Mercante anterior, a 8/1999, na que se exixían outros parámetros para facer este rexistro, rexistráronse moitas embarcacións a partir do ano 2000. “A modificación introducida polo Goberno foi unha discriminación para os que aínda non rexistraron as súas embarcacións e que non o fixeron a estas alturas polo gravoso dos requisitos”.
A deputada do BNG afirma que as limitacións introducidas na última normativa significan un agravio comparativo para os barcos que se regularizaron a partir do 2000. Á luz dos feitos, puntualiza a parlamentar nacionalista, “está claro que o obxectivo do Goberno de que se rexistrasen todos os barcos está moi lonxe de cumprirse”.
Adaptar as normas ás singularidades galegas
Olaia Fernández Davila critica que o Goberno non tivese en conta a singularidade da frota galega. Por iso, subliña, é imprescindíbel que o Goberno faga unha prórroga, “entre outras cousas porque tampouco se rematou de examinar todas as embarcacións. Os que están a facer un esforzo para modificar as súas embarcacións e adaptarse á normativa necesitan tempo”.
Davila pede que o Goberno cambie a lei para que as embarcacións de baixura poidan utilizar motores de até 100 cabalos de potencia.