VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Por quinta vez consecutiva, a Coordenadora para a Prevención da Tortura (CPT), apresentou o pasado 29 de Maio, o seu Relatório anual sobre denúncias de tortura e/ou maus tratos no Estado español, nesta ocasión en Zaragoza.
Como en anos anteriores, o Relatório recolle unicamente aquelas denúncias que entran na definición da Convención contra a Tortura da ONU e, dentro destas, apenas aquelas que foron devidamente contrastadas e cuxa exclusión non foi expresamente solicitada polas persoas agredidas.
Por outra parte, cumpre ter en conta que nen todas as persoas agredidas apresentan denúncia perante os tribunais ou outras instáncias e nen todas as denúncias formuladas chegan a coñecimento da CPT.
Ainda asi, o Relatório recolle, para todo o estado, a elevada cifra de 274 situacións en que se produciron agresións e/ou maus tratos a un total de 576 persoas (con unha média de 1.24 cada 100 mil habitantes). Galiza, con 19 situacións e 43 persoas agredidas, situa-se por riba da média: 1.54.
Para facilitar a comprensión do material e dar conta da complexidade do problema, os dados apresentan-se ordenados de acordo con diferentes perspectivas (corpos denunciados, instáncia onde se formula a denúncia, persoa que a formula, presenza ou non nesa comunidad da CPT, etc). Asi mesmo, para acompañar a sua evolución, recollen-se as modificacións procesuais importantes que se produciron en casos incluídos en Relatórios anteriores,
Tamén se cita no Relatório a arrepiante cifra de 97 persoas mortas sob custódia das Forzas de Seguranza do Estado. Destas 97 mortes de que se ten constáncia, só se analisan 56 por seren os únicos casos de que se ten información precisa.