01 junio 2009

Éxito de la charla-coloquio
de Javier Guerra en O Porriño


O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de O Porriño organizou unha charla-coloquio presidida polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que contou participación dun cento de empresarios, comerciantes e autónomos da comarca da Louriña, que asistiron na tarde do sábado á cita coa intención de achegarlle ó conselleiro as súas preocupacións e inquedanzas, procurando posibles solucións ós seus problemas diarios.

Manuel Carrera, presidente do PP local, que presentou a Guerra como “unha persoa práctica, dialogante e resolutiva”, como así o amosou ó longo da xuntanza que se prolongou ata ben entrada a noite, lembraba a todos os alí presentes a importancia deste coloquio polo “viveiro de empresas que hai aquí no Porriño, unha localidade cun gran tecido empresarial e comercial; un punto clave para Galicia pola súa proximidade con Vigo”. Carrera citou as diferentes empresas e sectores asentados na comarca (granito, pan, farmacéuticas, comercio, hostalería, automoción, construcción...) e presentes nesta xuntanza por algúns dos seus representantes; “unha zona que ten moito que dicir en canto a economía e industria”, concluía o voceiro popular dando paso á intervención de Javier Guerra.

Austeridade, unión economía-industria e reestructuración de fondos
O conselleiro falou de tres temas fundamentais neste momento: un goberno austero, a unión economía e industria nunha mesma consellería e a reestructuración dos fondos. “O primeiro que estamos a facer é reducir todos os gastos, ser o máis austero posible”, explicaba Guerra, que anunciaba a presentación nesta semana dun plan de austeridade de máis de 150 millóns de euros. Por outra parte, sinalaba que “esta é a primeira vez na historia que unha persoa pode vir unha reunión como conselleiro de Economía e Industria. Á política industrial hai que dotala de recursos económicos; que sexamos Economía e Industria ten moito sentido”. Finalmente, Guerra apostaba e aseguraba “unha reestructuración dos fondos á máxima velocidade posible”.

Axudas para sectores claves da economía galega
Ante a dificultade de axudar a todos os sectores, “pois estamos nunha tempestade e non dispomos de recursos para todos”, sinalaba o conselleiro, “optouse por definir sectores fundamentais, claves da economía galega e que xeren riqueza”. Neste senso, Guerra apuntou a tres presentes nesta comarca: o granito, o automóbil e o comercio; “Porriño para min é unha obrigación, porque é unha localidade industrial con sectores que están dentro do noso plan”, subliñaba o conselleiro.
Precisamente, unha das primeiras reunións de Guerra foi co sector do granito, na cal se trataron tres cuestións primordiais: a situación financeira, “para o cal temos ao IGAPE”; o consumo, “para o cal levaremos unha campaña de concienciación no uso do granito” e, por último, temas de internacionalización. Polo que respecta á automoción, o conselleiro lembrou o actual plan de axuda para o sector automobilístico, “pensado para a oferta e a demanda galega, no cal a Xunta aporta unha achega que vai dende os 500 ata os 1.500 euros; e co cal se pretende chegar ás 4.000 unidades vendidas”. En canto ó comercio, “é unha das cousas que máis me preocupa, polo estremadamente atomizado que está”, apuntaba Guerra; “a nosa prioridade aquí é intentar axudar ó pequeno comercio a través de liñas de financiación”.

Dar resposta, obxectivo primario da Consellería de Economía e Industria
Javier Guerra reiterou ó longo da xuntanza a “necesidade de atender e dar resposta á xente; este é o noso primeiro obxectivo”. Na actualidade, a Consellería de Economía e Industria rexistra 7.500 peticións de axuda, unha cifra que o ano pasado reducíase a 2.500; “aínda que xa solucionamos máis que o Goberno anterior, o ratio aumentou, polo que tentaremos contestar a todo na medida do posible”.

Diálogo aberto e distendido entre os asistentes
Trala exposición do conselleiro, abriuse unha quenda de suxestións e preguntas que deu pé a unha conversa distenda entre todos os presentes. Desta maneira, os empresarios e comerciantes expuxeron algunhas das súas preocupacións como foron, entre outras, a suba da factura da enerxía eléctrica, os problemas de acceso ó polígono de Mos ou a competencia desleal no sector da construcción coa entrada de traballadores estranxeiros, ás que Guerra atendeu e ofreceu o seu apoio e máxima colaboración.