20 junio 2009

Feijóo : nueva epístola sobre la Crisis

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe que Galicia conta “con enerxía” para superar a crise, pero avogou por facelo “con respecto democrático e espírito construtivo”. “Hai dúas maneiras de loitar contra esta situación que padecemos: unha é converter as protestas en batallas nas rúas que só conducen á desesperación e afastan investimentos; e outra é protestar cando fai falla, con respecto democrático e espírito construtivo”, aseverou insistindo en que “non podemos ser nós quen agravemos a crise coa nosa irresponsabilidade”.

Durante a súa intervención na cea cos membros da Asociación de Actividades Empresariais de Noia, na cal lle fixeron entrega do Berberecho de Ouro, Alberto Núñez Feijóo insistiu en que o Goberno galego “sempre estará ao voso lado”. “Isto significa atender hoxe as vosas peticións e marchar a próxima semana a Madrid a reclamar compromisos certos co AVE e un financiamento autonómico xusto”, agregou.

Nesta liña subliñou o importante que é “para un presidente que vai á Moncloa ou a calquera Ministerio saber que ten un gran pobo detrás, apoiando e esixindo, como debe ser”, apostilou.

“Os gobernos –engadiu- manteñen a súa lexitimidade democrática acadada nas urnas si cumpren a súa palabra, neste senso, renovou hoxe o compromiso con proxectos da comarca, como a conexión Lousame-corredor Noia, rematar a variante de Serra de Outes e adxudicar a EDAR de Tarrio para resolver o saneamento do concello de Porto do Son. Tamén se comprometeu a consensuar o sistema de saneamento de Noia e anunciou que nos 100 primeiros días de goberno se finalizará a información publica da ponte sobre a ría de Noia”.

O presidente galego tamén quixo agradecer o galardón do Berberecho de Ouro do que dixo, deben ser verdadeiros protagonistas a sociedade galega, “vigorosa”, o empresariado “con empuxe”, os traballadores “comprometidos co que fan” e unha administración “capaz de apoiar e estimular os novos proxectos que xorden”. “Sei que o berberecho é máis que un símbolo”, engadiu salientado “que ao redor do berberecho e a ameixa, levantastes o mellor exemplo do que agora se chama economía sustentable, algo que para min significa unha economía que proporciona benestar á xente sen dano para o entorno”. Por último destacou que Noia, Porto do Son, Lousame e Outes, cos seus alcaldes e empresarios, “son hoxe un modelo a seguir por toda Galicia”.