VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juarez Casado, asinou hoxe con representantes de 13 entidades financeiras o convenio polo que se instrumentan medidas para incrementar a liquidez das explotacións lácteas galegas. Grazas a este acordo, porase a disposición dos gandeiros o importe correspondente ao 90 por cento das cantidades solicitadas na campaña 2009 das axudas da PAC de pagamento único e de pagamento adicional.
Segundo este convenio, a Consellería do Medio Rural comprométese ao pago da comisión e dos xuros dos préstamos, que os gandeiros poderán solicitar ata o vindeiro 31 de xullo.
Pola súa banda, as entidades asinantes comprométense á concesión de préstamos ás explotacións lácteas por unha cantidade de ata o 90 por cento dos importes solicitados na campaña 2009.
O obxectivo fundamental do convenio asinado hoxe en Santiago é facer posible que as explotacións leiteiras galegas poidan facer fronte ó difícil momento polo que atravesan, non alleo á situación económica internacional, e permitir a súa viabilidade e normal funcionamento.
Entidades asinantes
As entidades asinantes do convenio son as seguintes: Caixa Galicia; Caixa Rural Galega, Banco Español de Crédito; Caixanova; Banco Bilbao Vizcaya Argentaria; Banco Pastor; Banco Popular Español; La Caixa; Banco Santander Central Hispano; Banco Gallego; Banco Etcheverría; Banco Caixa Geral e Caja Rural de Zamora.