01 junio 2009

Europeas : Vázquez reivindica que “só o BNG está a falar de Europa e dos problemas dos galegos nesta campaña"


CANGAS (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou nun mitin en Cangas no que tamén interviron a alcaldesa Clara Millán e a número un do BNG na lista ás eleccións europeas, Ana Miranda.

O líder do Bloque reivindicou unha Europa “que defenda os intereses pesqueiros do noso país porque non podemos acreditar que unha potencia como Europa sexa incapaz de negociar un acordo pesqueiro con Marrocos”.

O portavoz nacional explicou que isto só se pode entender “coa aquiescencia dos gobernos españois do PP e o PSOE que fixeron a Galiza obxecto de cambio por outros intereses”.

“Temos dereito a preguntar a PP e PSOE que pensan facer de verdade para que a nosa frota teña igualdade de condicións e non basta con facer declaracións de intencións . É necesario outro trato, é necesario que o goberno español empece a petar na mesa para defender os intereses dos galegos e galegas”, reivindicou Vázquez.

O portavoz nacional afirmou de xeito rotundo que “estas eleccións interesan ao pobo galego” e amosou a súa sorpresa pola “preocupación que amosan os comentaristas sore o escaso debate que se está a dar no contexto das eleccións europeas”. Se isto é asi, explicou “é porque PP e PSOE non queren falar de Europa porque andan encerellados en quen é máis corrupto que o anterior”.

Tal e como apuntou Guillerme Vázquez, nin PP nin PSOE queren falar de Europa porque “están dacordo co modelo actual, co marco legal sobre o que xiran as políticas europeas, o modelo de Berlusconi e Sarkozy”.

Fronte a isto, Vázquez reclamou “que lle poñan os altavoces ao BNG porque con oír falar ao BNG oirán falar de Europa e dos nosos problemas”.



Defensa de Galiza

O portavoz nacional advertíulle a Núlez Feijóo de que “non basta con nacer nos Peares para defender a Galiza. Hai que crer no noso país e as súas xentes, que teñen dereito a pensar e a existir”.

Asi, Guillerme Vázquez salientou que, ante a súa ausencia de propostas, o PP “agóchase dicindo que votar BNG é votar ERC e faltan á verdade de novo”.

Imos a Bruxelas en barco dende Galiza

A número un do nacionalismo na lista ás eleccións europeas afirmou ante un público formado por máis de 150 persoas que o BNG “irá a Bruxelas en barco dende a ría de Vigo, subindo ao Atlántico sen pasar por Madrid. Nese barco de xente, de traballo, dos que limparon as mareas negras”.

A candidata trasladou aos asistentes o compromiso de que “alí onde estea o BNG estará Cangas, Bueu ou Moaña e os seus intereses” e lembrou que xa na pasada lexislatura, o BNG levou á xente da comarca a Bruxelas para defender o acordo de pesca con Marrocos “mentres os aerodeputados de PP de PSOE non fixeron nada polos intereses do país”.

“Como se pode xustificar que tivéramos 150 barcos que ían pescar bacallao e hoxe só queden oito?” perguntouse a candidata, ao tempo que se perguntou “como se pode entender que permitisen que os nosos barcos fosen expulsados das augas comunitarias”.

“Queremos unha Europa que fale de nós, sen intermediarios”, aseverou Ana Miranda, ao tempo que asegurou que o BNG “quer estar en Bruxelas para falar das persoas concretas, dos lugares concretos, dos problemas do país”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas, Clara Millán defendeu o mantemento do transporte de ría é “innegociábel” e asegurou que “queremos melloralo e esixismos unha rebaixa no prezo do billete”.