VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Xunta de Galicia destinará 850.000 euros á Fundación Semana Verde para facer fronte á súa situación de “práctica bancarrota” e garantir a súa viabilidade. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, que quixo deixar clara a “aposta decidida” do Goberno galego polo futuro da fundación e da Feira Semana Verde.
Nunha rolda de prensa na que tamén estivo o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aproveitou tamén para agradecer a “sensibilidade” do organismo provincial, que tamén é patrono da Fundación Semana Verde e que se implicará no seu reflotamento aportando 250.000 euros.
Alfonso Rueda explicou que á súa chegada ao Goberno galego se atopou cunha situación de “práctica bancarrota” na Fundación Semana Verde e que incluso se corría o risco de non poder facer fronte ao pago das nóminas. Cos 1,1 millóns que aportará a Xunta e a Deputación de Pontevedra este ano, garántese o futuro da institución e dáse o primeiro gran paso na liña de darlle viabilidade e buscar a súa autosuficiencia.
“A austeridade é manexar os recursos onde de verdade sexan necesarios”, salientou o conselleiro, que incidiu en que o Goberno galego reflexa o seu compromiso con feitos e deixa atrás as “declaracións baleiras e propagandísticas” do Executivo bipartito, que prometeu 1,5 millóns de euros para a Fundación Semana Verde e non o cumpriu. De feito, “non había nin só euro” nos orzamentos das distintas consellerías para apoiala.
Nesa mesma liña, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, lamentou a perda de dinamismo que sufriron os recintos feirais nestes últimos catro anos e manifestouse encantado de traballar en común coa Xunta para “darlle vitalidade” á Fundación Semana Verde, da que destacou a súa importancia especialmente para a comarca do Deza.
Pola súa banda, a directora xerente da Fundación Semana Verde, Paloma Hidalgo, agradeceu o “apoio pleno” da Xunta e recordou que a situación estaba “en suspenso” á espera dunha inxección económica como a que agora se produce. “Pódense levar adiante accións encamiñadas ao autosustento e a autofinanciación do recinto”, suliñou a encargada de xestionalo, que se amosou convencida da súa viabilidade e de que sairá adiante co control orzamentario acaído necesario para “optimizar a xestión interna dos recursos humáns”.
O obxectivo, segundo explicou a xerente, é actuar “como se actúa nunha empresa moderna, con criterios de eficiencia e rendabilidade”. Nesa liña vai a contención dos costes na organización da Feira Semana Verde deste ano -un 56 por cento respecto a 2007-, que non redundará nos servizos senón todo o contrario, xa que o espacio expositivo será maior e case duplicará o do ano 2008.
Semana Verde 2009
Un total de 328 expositores directos que representarán a firmas expositoras de 19 países, estarán presentes na 32ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que será inaugurada ás 17 horas do xoves 11 de xuño polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e que se prolongará ata o domingo 14.
Estas cifras supoñen un incremento, respecto a 2008, do 42% no número de empresas que asisten ao parque expositivo e un aumento do 18,7% en canto a países presentes a través delas. No referente á superficie expositiva, nesta edición ocuparanse 58.560 metros cadrados, fronte aos 30.217 da pasada, o que supón un 94% máis.
Esta nova convocatoria da Feira Internacional Semana Verde de Galicia supón un punto de inflexión, xa que se celebrará baixo unha nova orientación, transformada nun certamen multisectorial aberto a todos os públicos e cun alto compoñente de ocio durante os seus catro días de duración.
Así, nesta nova edición manteranse os sectores tradicionais do certame vencellados co rural, como son o agrícola-gandeiro, o forestal e o alimentario, pero tamén se dará cabida a outros, como son o da xardinería, horticultura ornamental, artesanía, caza e pesca, pequenos animais e decoración.
Deste modo a Fundación Semana Verde de Galicia está a atender as demandas de diversas áreas implicadas no certame, que desde fai tempo insistían na necesidade de celebrar monográficos especializados. Así, a súa compoñente profesional trasládase a salóns específicos independentes e a Semana Verde 2009 convértese na maior feira multisectorial do noroeste peninsular.