11 agosto 2009

Deputación no olvida el Camino Portugués en las peregrinaciones a Compostela

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa, recibiu no Pazo Provincial a 35 peregrinos chegados de Austria, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Portugal e España pertencentes ó proxecto europeo «Stellae: Camiño de Santiago – Camiño de Europa», do programa Xuventude en Acción, e encabezados polo director do Albergue de Pontevedra, Celestino Lores.
Lores explicou que este proxecto, aprobado pola Unión Europea, realízase desde Viana do Castelo e rematará en Santiago o vindeiro día 14 de agosto, “promovendo a convivencia, a solidariedade e a tolerancia a través dunha peregrinaxe polo Camiño Portugués a Santiago da Costa”. “Así mesmo”, declarou, “estanse a levar a cabo distintas actividades destinadas a coñecer as institucións da Unión Europea, o concepto da cidadanía europea e promover a participación activa na sociedade democrática”.
A peregrinaxe ten unha duración de 15 días, aínda que o conxunto de actividades abarca 4 meses. No proxecto participan 42 mozos e mozas de entre 18 e 25 anos procedentes dos sete países citados. Entre as actividades que realizarán, inclúese a elaboración dunha guía do Camiño Portugués a Santiago pola Costa nos diferentes idiomas dos participantes e a realización de accións destinadas a incluír o Camiño na relación de Itinerios Culturais Europeos protexidos polo Consello de Europa.
“Como dixo Goethe”, concluíu Lores, “Europa se fixo camiñando a Compostela e iso é o que estamos facendo: traballar co futuro de Europa, coa base. O proxecto está resultando ben, posto que se está a axudar á integración, á interrelación dos países e ó fomento da cidadanía europea dun xeito sensacional”.
Logo da súa visita ó Pazo Provincial, os peregrinos acudiron ó Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, para encamiñarse andando ata Sanxenxo. As seguintes fases da ruta que lles agardan os levarán a percorrer os tramos Gondomar-Vigo, ruta marítima polo Mar de Arousa,Vigo-Redondela e Pontecesures-Santiago.