Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, analizou esta mañá en rolda de prensa a actuación do goberno do PP encol da suspensión do concurso eólico e comparouno cun “mal árbitro que altera as regras do xogo para que gañe o partido o equipo que eles queren”.
O líder do Bloque relatou as virtudes do concurso eólico promovido no seu día polo nacionalismo galego desde o goberno, entre os que destacan o obxectivo de acadar “un desenvolvemento económico e industrial do país, respeitoso co medio ambiente, ao servizo de Galiza e das súas empresas” e asegurou que “é máis que evidente que non era ilegal”.
Guillerme Vázquez acusou ao PP de actuar “con présas, ao tuntun, para, ao final, adoptar a novedosísima fórmula de suspender o concurso e anunciar unha nova lei da que agora nos ofrecen un anteproxecto”. Con esta actuación, o único que se tenta, tal e como indica o número un do nacionalismo galego é “revestir de legalidade unha decisión política e todos e todas vós teredes ocasión de comprobar ben pronto cales eran os intereses que movían ao PP e quen sairá beneficiado”.
Tal e como afirmou o portavoz nacional, os populares non o fan “por mellorar nada, senón para que gañe o equipo que queren” e para iso “inventan unhas presuntas ilegalidades inexistentes”. Entre elas, o líder do Bloque apuntou que “a participación pública non é ilegal e esquecen que a Xunta xa ten participación pública nos parques eólicos a través do Inega. E contra esa participación pública non houbo nunca ditames do Consello Consultivo nin da asesoría legal da Xunta”.
Para o portavoz nacionalista, a mellor proba de que o decreto non é ilegal está no feito de que o PP non teña recurrido aos procedementos administrativos existentes para estes casos “nin teña acudido tampouco aos tribunais”.
Anteproxecto para sair do paso
Tamén quixo o líder do Bloque analizar o anteproxecto presentado polo PP do que asegurou que “está feito ás présas, para sair do paso” e iso nótase nas numerosas eivas detectadas no mesmo, entre elas o feito de que elimine as garantías medioambientais ou de que non prevea ningún tipo de desenvolvemento regulamentario. Para alén diso, Vázquez criticou de xeito especial o contido do anteproxecto por dar “capacidade ao Conselleiro de turno para desestimar os procedementos. Algo que non ten antecedentes nos procedementos públicos”.
Guillerme Vázquez criticou tamén que se grave o número de aeroxeradores e non a potencia e subliñou como “curioso” que se grave a alteración medioambiental en parques de máis de 3 muíños “debe de ser porque o dano medioambiental de 4 aeroxeradores é moito máis grave que o de 3”, ironizou.
Canon como un “lavado de cara”
Sobre o canon eólico que establece o anteproxecto, Guillerme Vázquez indicou que se trata dun simple “lavado de cara” ante a decisión de eliminar a participación pública, “para tapar as vergonzas porque sería ultradescarado para a opinión pública que fronte a un modelo que procuraba a reversión de beneficios na sociedade, agora todo o beneficio fose exclusivamente para as empresas”.
Megapelotazo
A decisión do goberno popular, en definitiva, “non se sustenta na legalidade, senón que tenta facilitar un megapelotazo que se vai producir nun tempo e abre un proceso de inseguridade xurídica”, proseguíu o portavoz nacionalista.
Guillerme Vázquez situou esta decisión do PP na súa política para “restar capacidade de decisión a Galiza” e advertiu de que “en política, non todo vale e hai que dicirlle a verdade á xente” polo que retou a Feijóo a que explique “a que intereses responde esta decisión”.