Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-
O deputado do BNG, Alfredo Suárez Canal, ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego na que lle demanda que informe das medidas que ten previsto poñer en marcha para que as irregularidades detectadas polo Consello de Contas na concesión de axudas ao deporte por parte da Xunta no período 2002 a 2005 non se volvan repetir.
Suárez Canal denuncia que o informe de fiscalización do Consello de Contas “é demoledor, por cuestionar a xestión das axudas ao deporte do Goberno da Xunta – do PP- nesa época en todos os aspectos: relación da Xunta nese período co tecido asociativo deportivo sen un soporte legal axeitado, reparto de recursos sen gradación de criterios (¿clientelar?), non existía transparencia, non habia mecanismos de control para asegurar a finalidade no cobro das axudas, non existían facturas....”.
O Director Xeral de Deportes é o mesmo que foi nomeado agora por Feijóo
Neste sentido, o deputado nacionalista amosa a “gran preocupación do BNG posoto que o máximo responsábel da actividade deportiva durante a maior parte dese período -José Ramón Lete- é a mesma persoa que foi designada na actualidade por Feijóo para a mesma función”.
“Parece evidente -engade- que se o presidente da Xunta tiña coñecemento deste informe, na súa fase inicial, do Consello de Contas, non parece que escollera á persoa máis axeitada e, en todo caso, co informe xa público, parece indispensábel saber cales son as decisións concretas que vai adoptar o novo Goberno para asegurar que esa xestión absolutamente discrecional e sen control que se produciu no período 2002-2005 non se volva repetir”.
Feijóo ten dúas opcións: destituir ao director xeral ou tomar medidas para que isto non se repita
Ante esta situación, Alfredo Suárez Canal considera que “o actual Goberno ten dúas opcións: sentar as bases para que na xestión das axudas ao deporte non se repitan os mesmos erros ou destituir a José Ramón Lete”.
Neste sentido, o deputado do BNG pregúntalle a Núñez Feijóo se coñecía o informe do Consello de Contas, na súa fase inicial, cando designou ao Secretario Xeral para o Deporte.
En segundo lugar, pregúntalle ao presidente da Xunta sobre “unha vez feito público o informe e ante a magnitude das irregularidades postas de manifesto, qué medidas ten adoptado a Xunta para que esta situación non se repita”.
Por último, o deputado do BNG pregunta se “considera a Xunta que a persoa que tivo a máxima responsabilidade na xestión en case todo ese período é a máis axeitada para seguila tendo na actualidade despois de coñecido o informe do Consello de Contas”.