01 agosto 2009

Juárez promete 20 millones en ayudas directas al sector lácteo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, animou aos gandeiros a diversificar a súa tarefa cara producións de maior valor engadido, e mesmo cara outros subsectores agrarios como a horticultura ou os invernadoiros, no decurso dunha entrevista emitida esta mañá na Radio Galega. Respecto do vello proxecto varias veces frustrado da creación dun gran grupo empresarial lácteo galego, Juárez matizou que “non é a función das administracións intervir de forma excesiva nas industrias, pero si é a súa función protexer e incentivar ao produtor, sen substituír en ningún caso á iniciativa privada”.

Preguntado polas axudas da Consellería aos produtores, que están a vivir unha profunda crise, Juárez lembrou que o seu departamento ten posto en marcha sete liñas de actuación a curto e medio prazo, entre as que destacou o adianto en varios meses do cobro das axudas derivadas da PAC, que no seu conxunto achéganse a preto de 90 millóns de euros.

E respecto das axudas directas aos gandeiros, o conselleiro aclarou que se están a negociar arestora cos interlocutores sociais, pero que en calquera caso “a idea básica que barallamos son contías similares ás doutras Comunidades Autónomas, algo que en Galicia supón en torno a 20 millóns de euros, un esforzo orzamentario moi importante no actual escenario económico de recesión”.

12 millóns procedentes do Plan de Choque
Deses 20 millóns de euros de axudas directas, 12 xa están comprometidos polo Goberno galego para este obxectivo, procedentes do Plan de Choque, segundo confirmou Samuel Juárez, e o resto acadaranse a través da optimización de partidas orzamentarias propias da Consellería, e mediante movemento desde outros departamentos do Goberno.

Cómpre lembrar que en Galicia desenvolven a súa actividade case a metade dos produtores lácteos de España, polo que este pulo económico resulta especialmente complicado para a nosa Comunidade, e supón un esforzo complementario engadido para a Xunta, e por tanto, para os cidadáns galegos.

O titular do Medio Rural, Samuel Juárez, animou desde os micrófonos da Radio Galega aos produtores e industria a respectar e pular polo recente acordo de prezos acadado en Madrid, que cualificou como “moi interesante, e unha peza fundamental para a normalización das relacións entre produción e industria".

Cooperación contra o lume
O xornalista condutor da entrevista, o novo xefe de informativos da Radio Galega Xabier Ares, demandou do conselleiro cifras sobre os incendios forestais no que vai deste ano 2009. “En comparación coa media dos últimos dez anos, temos menos lumes a estas alturas”, respondeu Juárez, que engadiu en boa lóxica que polo de agora o tempo está a axudar para acadar eses díxitos reducidos. Subliñou asemade a cooperación estreita con outras administracións para acadar o obxectivo común de evitar o lume forestal, e destacou a axudas dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

No tocante aínda aos incendios, e concretamente á súa prevención, o conselleiro do Medio Rural ratificou que a madeira derrubada polo ciclón Klaus a principios de ano “non supón, por si mesma, maior risco de incendio, pero si que pode aumentar as dificultades nas tarefas de extinción unha vez que se produce un lume”.

É por isto que a Consellería ten posto en marcha axudas e actuacións diversas que faciliten a retirada desta madeira en fincas públicas e privadas. Malia que o operativo específico se ten desenvolvido contra reloxo, “confiamos en que cando chegue a temporada de maior risco a maior parte da madeira xa fose retirada”, sinalou o conselleiro.

Canto a plans a longo prazo, Juárez defendeu a necesidade de redimensionar as parcelas no monte galego para facelas produtivas, de maneira que ser propietario do monte volva ser unha vantaxe e non un problema: “Se o monte está abandonado, ten moitas máis posibilidades de arder ca se está ordenado e coidado e achega rendibilidade aos propietarios”.

A calidade é o camiño
Finalmente, o conselleiro apuntou á calidade como camiño para fornecer a presenza de produtos galegos nos mercados nacionais e internacionais. Lembrou que hai unhas horas participaba na presentación do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Pemento de Herbón, ao que desexou un bo traballo e moita sorte na súa andaina. Subliñou Juárez que “a calidade é o camiño; e a posta en marcha deste Consello é un paso importante que pode axudar a mellorar a produción e a extraer moita máis riqueza deste produto emblemático da nosa terra”.

Precisamente, na presentación dese Consello, o conselleiro lembrara que o pemento de Herbón posúe unha versatilidade única, por canto está presente o mesmo nas tabernas máis humildes ca nos máis exquisitos restaurantes, unha característica que o fai único entre os produtos con calidade recoñecida oficialmente.