Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-
Os deputados do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira e Carme Adán, fixeron hoxe unha primeira avaliación dos resultados da consulta da Consellaría de Educación sobre o uso do galego no ensino, da que salientaron que “a pesar da falla de credibilidade desta enquisa o resultado non avala a estratexia do PP porque só dous de cada dez país queren un ensino só ou maioritariamente en castelán”.
A portavoz do BNG na Comisión de Educación, Carme Adán, subliñou que “a sociedade galega quer que os nosos nenos e nenas teñan competencias plenas en lingua galega, de que haxa un mínimo do 50% de materias en galego, que é o que defende o actual Decreto do Galego no Ensino que pretende derogar o PP”.
Carme Adán explicou que “partindo de que o 40% de pais e nais que non particaron non o fixeron porque estaban de acordo coa actual situación, só o 20% dos pais e nais queren un ensino só ou maioritariamente en castelán”.
Pretenden facer en Galiza o que nin sequera o PP se atreveu a facer en Valencia ou as Illes Balears
Na mesma liña se pronunciou o portavoz do BNG en materia de lingua, Bieito Lobeira, para quen “os dados da suposta consulta, a pesar de carecer de crediblidade, evidencian o fracaso do PP na súa estratexia de presentar unha enquisa que avalase a derogación do actual Decreto do Galego”.
Bieto Lobeira fixo unha chamada á mobilización social para defender os dereitos da lingua galega “porque por primeira vez en trinta anos de Autonomía enfrontámonos a un Goberno decidido a dar pasos atrás na incorporación do noso idioma ao ensino”.
“O que pretende poñer en marcha en Galiza -denunciou- nin sequera se atreveron a facelo os Gobernos do PP en Valencia ou nas Illes Balears: non queren bilingüismo, o que queren é eliminar a lingua galega; non queren liberdade, o que queren é a aniqulación do noso idioma”.
Cómo pretenden que o galego sexa útil se o Goberno do PP o considera unha barreira?
Por outra parte, tanto Carme Adán como Bieito Lobeira cualificaron de “cínico” que o secretario xeral de Política Lingüística defendese hoxe a necesidade de tomar medidas para conscienciar á sociedade galega da utilidade da lingua galega. “Cómo, surprimindo o galego das probas das oposicións?” , preguntáronse os deputados do BNG
Mobilización social en defensa dos nosos dereitos lingüísticos
Ademais, denunciaron a “cobardía e falta de vergoña” do conselleiro de Educación por non se atrever a presentar hoxe os resultados da enquisa en rolda de prensa, “uns resultados, dos que os deputados e deputadas galegas se tiveron que enterar polos medios de comunicación”.
Neste sentido, Bieito Lobeira solicitou que “se tivesen un mínimo de dignidade, rigor e seriedade tanto o conselleiro como o secretario xeral de Política Lingüística deberían presentar a dimisión polo obxectivo último que perseguía este proceso: aniquliar a lingua galega do sistema educativo”.
Por último, os deputados nacionalistas anunciaron que o BNG dirixirase no mes de outubro tanto á UNESCO como ao Consello de Europa para que visiten Galiza e analicen as politicas contra a lingua galega postas en marcha polo goberno do PP.