01 agosto 2009

Outra vez coa mesma historia : Conselleiro Hernández fija para 2015 el horizonte de unas rías gallegas saneadas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, presentou hoxe o Plan de Infraestruturas Hidráulicas, que contempla durante a presente lexislatura 79 grandes actuacións en 83 concellos galegos, por un importe de 759 millóns de euros, e actuacións en colaboración coas entidades locais que sumarán un importe de 109 millóns de euros.

Os mais de 868 millóns de euros previstos supoñen, no seu conxunto, “o maior esforzo investidor da historia da Xunta de Galicia en materia de saneamento e abastecemento co obxectivo de lograr un uso racional da auga preservando a súa calidade e contribuíndo ao desenvolvemento sostible da economía”.

Os obxectivos plantexados supoñen incrementar en mais dun 35% as previsións orzamentarias da Administración Hidráulica do bipartito

A este esforzo presupostario engádese ademais o lexislativo, coa nova Lei de Augas que se está a elaborar, e o organizativo, cun cambio do modelo de xestión dos recursos hidráulicos que se realizará a través da creación da Axencia Augas de Galicia na procura dunha maior eficacia e eficiencia.

“A implementación coordinada destas medidas permitirá acadar o obxectivo de que todas as rías galegas estean saneadas en 2015, e que tamén nese horizonte temporal estean resoltos os problemas de saneamento daquelas aglomeracións de mais de 2.000 habitantes”, declarou Hernández.

Lembrou que este reto non é o único que ten plantexado o novo Goberno galego, senón que forma parte dun política global para o medio ambiente na que tamén están encadrados outros proxectos, como o novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos, o Plan Galego contra o Cambio Climático ou o Plan do Litoral.

Recursos comprometidos
O Plan de Infraestruturas Hidráulicas presentado hoxe contempla un total de 390,3 millóns de euros para obras de saneamento, dos que 256,6 corresponden a novas actuacións. O saneamento centra o maior pulo investidor, xa que supón o 45% do orzamento total do Plan, cunha incidencia moi especial nas rías galegas. Para o capítulo de abastecemento resérvanse 208,7 millóns de euros, o 24% do total. A mellora das marxes dos concas fluviais recibirá un orzamento de 47,8 millóns de euros (6% do total) e o control dos puntos de vertido en ríos e costa 37 millóns de euros (4%).

Explotación de estacións depuradoras
Outro dos apartados importantes é o reservado para a explotación de estacións depuradoras de augas residuais (EDARs), no cal durante o período 2009-2013 se investirán 185 millóns de euros (21% do total do Plan). Neste momento, a Administración Hidráulica de Galicia explota 26 instalacións de depuración na nosa comunidade autónoma. Segundo adiantou o conselleiro, o obxectivo é colaborar cos concellos para chegar a explotar 147 depuradoras neste período de tempo.

“Con este esquema pasaremos duns compromisos orzamentarios en 2009 de 23,6 millóns de euros, a 55 millóns en 2013 destinados directamente a unha correcta explotación e mantemento das plantas depuradoras da nosa comunidade”, manifestou.

Agustín Hernández afirmou que esta medida vai repercutir na estabilización dunha actividade que representa mais de 440 empregos directos en Galicia, e na xeración dunha actividade indirecta permanente doutros 1.500 empregos. No seu conxunto, as obras contempladas no Plan de Infraestruturas Hidráulicas mobilizarán uns 7.000 empregos.

En resumo, os principais obxectivos do Plan de Infraestruturas Hidráulicas para o período 2009-2013 céntranse en cumprir a planificación aprobada pola actual Administración Hidráulica de Galicia, así como coas directivas comunitarias, particularmente a Directiva Marco da Auga; mellorar a xestión do dominio público hidráulico e implantar un novo sistema de xestión de explotación das EDARs e colaborar coas entidades locais