25 septiembre 2009

El BNG quiere que los políticos pinten algo en las Caixas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o portavoz de Economía no Parlamento de Galiza, Fernando Blanco, presentaron esta mañá en rolda de prensa a proposición de lei de modificación da Lei de Caixas que rexistrará o BNG.

Trátase, tal e como apuntou Guillerme Vázquez, do primeiro texto que se vai presentar no Parlamento sobre unha cuestión “tan importante para o presente e futuro da economía do País” e, nesta cuestión, “o BNG toma a iniciativa nun momento económico complicado, diante da vontade clara dos poderes centrais de recentralizar as competencias sobre as caixas de aforro quitándollas ás CCAA”.

O portavoz nacional cualificou esta modificación como “básica” para “poder levar adiante proxectos empresariais, é básico o financiamento das pequenas e medianas empresas galegas e que menos que pedir que o aforro dos galegos e galegas sexa investido no noso país!”, perguntouse.

O número un do nacionalismo galego criticou aos detractores da intervención pública nas entidades financeiras “cando foi xustamente esta ausencia de control o que levou á situación actual”.

“Cando necesitaron o aval monetario de todos os contribuíntes non poñían problemas ao intervencionismo público”, criticou Guillerme Vázquez, e agora “volven levantar cabeza os defensores do libre albedrío do sistema económico. Nun exercicio de covardía política os gobernos europeos que tanto cacarexaban a respecto de pór límites a estas prácticas nas finanzas, agora enrúganse outra vez e afirman que xa se autorregularán pola presión moral”.

“Resulta escandaloso que o señor presidente da CECA se permita o luxo de afirmar que as CCAA e as súas competencias viñan ser unha especie de freo para as caixas”, indicou, ao tempo que criticou que Quintás lanzase unha mensaxe “a favor da fusión extraterritorial das caixas e insistindo en desbotar o control público”.

Guillerme Vázquez avogou por ter “vontade política para corrixir o rumbo desta situación e este proxecto de lei vai dirixido a modificar a lexislación das caixas de aforro” e especificou que os obxectivos do BNG pasan por “impulsar a transparencia e democratización dos órgaos de goberno, afortalar o vínculo co tecido produtivo galego e blindar a capacidade da Xunta e que as sede sociais das caixas galegas teñen que estar no país fronte aos intentos de deslocalizalas”.

Trátase, tal e como explicaron, “dunha proposta favorábel aos intereses deste país e en liña co que demanda moita xente en privado” e isto “si que podería formar parte dun paquete de medidas anticrise, un elemento práctico e concreto que pode axudar a saír da crise”.

Participación pública, comités de retribucións e investimentos

Tal e como explicou de xeito claro o portavoz de Economía do BNG, Fernando Blanco, “a proposta do BNG define que modelo queremos cara ao futuro porque a autorregulación non funcionou”.

“É importante que administración teña voz alí onde se deciden cuestións moi importantes para o País e as caixas o son”, continuou, de tal xeito que èsta sería a primeira das modificacións importantes propostas polo BNG: “A participación da Administración galega cun 20% dos conselleiros na Asamblea Xeral”. Neste sentido e prevendo futuras críticas, Blanco aclarou que non é “un caso único porque a comunidade de Valencia ten un 25%, a de Madrid un 21% e Andalucía tamén”.

Esta medida, segundo aclarou Blanco, “non significa dirixir as caixas no día a día, senón ter unha presenza que coordene accións para que aproveitando esas sinerxias poidamos ter tamén unha ferramenta para nos enfrontar á crise”.

Outra das modificacións máis significativas é a creación dun comité de retribucións “para que as retribucións dos directivos teñan transparencia” e estará formado por tres persoas, unha delas necesariamente un representante da Xunta con competencias en política financeira.

O outro dos comités que quer introducir o BNG é o de investimentos, “formado por tres persoas, unha tamén en representación da Xunta”. Até o de agora, na anterior lexislatura, xa existía a posibilidade de marcar investimentos ás caixas mediante a tramitación dunha lei e o que quer agora o BNG con este comité “é que a Administración poida tamén impulsar as políticas que o Goberno quer levar adiante e contar así co respaldo financeiro das caixas”.



Favorecer a fusión

Tamén quer o BNG introducir cambios no proceso de elección dos órgaos de dirección das caixas, tal e como o detallou o portavoz de Economía, especialmente que ten a ver coa escolla de representantes dos impositores. Asi, unha vez confirmado que as persoas que optan a ese posto cumpren os requisitos que estabelece a lei básica -saldo medio anual determinado- “a elección debe ser por sorteo directo, para que non existan dúbidas”

O BNG tense manifestado en diversas ocasións sobre a importancia de promover a fusión das caixas galegas e evitar que sexan absorbidas por caixas de outros territorios e, deste xeito, a proposición de lei nacionalista recolle nunha disposición adicional que “o goberno impulsará calquer fusión entre as caixas de aforro galegas se as circunstancias asi o demandan”.

Fernando Blanco insistiu que, aínda que se trata dun sector regulado por unha lei básica, os cambios dos que falamos son fundamentais: “a participación da Xunta, e polo tanto dos galegos e galegas, a democratización dos procesos internos de elección e unha aposta por que as caixas galegas traballen coordinadamente coas políticas marcadas desde o goberno para ter nelas unha ferramenta importante de actuación en termos económicos e sociais”.