24 septiembre 2009

Buenas palabras de la Xunta ante la problemática de la conserva de atún

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Xunta de Galicia pedirá ás instancias estatais e europeas que sexan precisas que se defendan os intereses da industria conserveira galega. É a idea que se quere transmitir dende a Consellería do Mar sobre a problemática que pode supor para o tecido empresarial galego a supresión de aranceis en Papúa Nova Guinea defendida pola Unión Europea e que pode derivar nunha deslocalización das empresas por competencia desleal.

A Comisión Europea adoptou esta decisión amparándose en que a supresión de aranceis en Papúa contribuirá ao desenvolvemento deste país e á erradicación da pobreza. Dende a Xunta de Galicia considérase que este acordo contribuirá, pola contra, a que países asiáticos competidores coma Tailandia ou China se asenten no país oceánico e poidan logo introducir conservas de atún no mercado da UE sen ningún arancel e competindo deslealemente coa produción galega cuxos custos son moito máis elevados polo emprego de materia prima de maior calidade e mailos custos da propia produción.

O Goberno da Xunta é contrario a que esta medida poida prexudicar ao desenvolvemento da industria conserveira galega ante unha situación que a pon contra as cordas e que pode derivar nunha destrución seria de postos de emprego en Galicia. A Xunta apoiará sempre todas as medidas que se adopten para contribuír ao desenvolvemento dos países máis desfavorecidos pero non a costa de destruír emprego nunha comunidade coma a galega sen que se teña ofrecido ningún tipo de alternativa.

O Goberno estará sempre do lado de industria e mailo emprego en Galicia e buscará unha solución adecuada á situación solicitando ante todas as instancias tanto estatais coma europeas que sexan precisas, unha solución adecuada a esta situación.