29 septiembre 2009

Brasil acolle hoxe o primeiro Cantos na Maré

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Brasil acolle hoxe o primeiro Cantos na Maré no que participan conxuntamente artistas de todos os países da Lusofonía

É a primeira vez que Cantos Na Maré acontece fóra de Galicia, dando un primeiro paso na súa vocación de chegar a todos os territorios lusófonos

Ao evento asistirán autoridades económicas, representantes das cámaras de comercio, embaixadores e máis de 1.800 empresarios dos oito países integrados na Conferência de Países de Lingua Portuguesa (CPLP)

O espectáculo, produción de Nordesía, tivo unha vez máis como directora artística a Uxía e como director musical a Paulo Borges

O espectáculo Cantos na Maré, creado por Nordesía en 2003, será o encargado de pechar esta noite ás 20h no teatro José de Alencar de Fortaleza (Brasil) o V Encontro de Negócios na Língua Portuguesa. Ao evento asistirán autoridades económicas, representantes das cámaras de comercio, embaixadores e máis de 1.800 empresarios dos oito países integrados na Conferência de Países de Lingua Portuguesa (CPLP): Brasil, Portugal, Cabo Verde, Guiné Bissau, Angola, Sao Tomé e Príncipe, Mozambique e Timor Leste.

Cantos na Maré foi escollido como acto de peche por ter a lusofonía como idea central. É a primeira vez que participan conxuntamente no espectáculo artistas representantes de todos os países da CPLP. O espectáculo, produción de Nordesía, tivo unha vez máis como directora artística a Uxía e como director musical a Paulo Borges.

Compartirán escenario con Uxía e Paulo Borges, ademais de Cacau Brasil, o guitarrista Tito París, de Cabo Verde; o cantante Tonecas, de San Tomé e Príncipe; José Amaral, do Timor Leste; o compositor e guitarrista Manecas Costa, de Guinea Bissau; Paulo Flores, de Angola; Timbila Muzimba, de Mozambique; e a fadista Raquel Tavares, de Portugal. O show será o resultado dun intenso intercambio cultural entre os músicos, que comezaron o pasado luns a súa convivencia artística.

Xuntos, os artistas presentarán un repertorio que vai abranguer os diferentes ritmos e sons de cada país, ademais de presentar novas composicións, creadas especialmente para celebrar este encontro único que será gravado, co apoio do Goberno do Estado do Ceara, nun CD promocional, con imaxes dos mellores momentos do show.

Dous días de conferencias e coloquios
Dentro do programa oficial do Encontro paticipou como ponente o director de Nordesía, Quique Costas, quen participou nunha mesa redonda sobre Cultura e educación, en compañía da editora Conceiçao Lopes, da directora do festival Cineport, Mônica Botelho, e de Paulo Speller, da Universidade Luso-Afro-Brasileira.

+ info: www.negociosnalinguaportuguesa.com.