29 septiembre 2009

Presupuestos del Estado : esta vez el BNG puede votar en contra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, afirmou este mediodía que “de non se producir cambios significativos no proxecto de Orzamentos para o vindeiro 2010, o BNG votará en contra”.

O deputado do BNG realizaba esta primeira avaliación das contas do Estado despois que a Ministra de Economía entregase os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano no Congreso dos Deputados.

O BNG crítico cos cambios fiscais

En primeiro termo, Jorquera explicou que “a estrutura xeral destes Orzamentos tamén afecta especificamente a Galiza como os cambios introducidos polo Goberno en materia fiscal. Os galegos e as galegas tamén pagaremos máis IVE, as rendas medias e baixas padecerán unha maior carga fiscal, e non as rendas altas como propoñía o BNG”.

O parlamentar nacionalista subliñou que o “BNG vai avaliar a estrutura final resultante dos Orzamentos para adoptar unha posición final porque a día de hoxe votaríamos en contra, a menos que se produzan cambios significativos”.

Os orzamentos para Galiza baixan por vez primeira en anos

En segundo lugar, o portavoz do BNG no Congreso fixo referencia aos investimentos do Estado para Galiza neste proxecto. Jorquera salientou o feito de que por primeira vez “en moitos anos, prodúcese un descenso nos investimentos para o noso territorio. Contémplase un orzamento total de aproximadamente 2.000 millóns de euros, o que supón uns 113 millóns de euros menos que no exercicio anterior”. Afirmou que se trata dun descenso “moi negativo para o noso pais” e remarcou que se debe ter en conta que “por CC.AA, Galiza é a sexta en recepción de investimentos cando somos a quinta Comunidade por poboación”. Neste sentido, falou “dun trato insatisfactorio para o noso pais”.

As partidas para o AVE o sitúan nun horizonte indefinido

En alusión concreta á cuestión do ferrocarril, o parlamentar do BNG sinalou que “só hai unha partida de 40 millóns de euros para o Lubián-Ourense e se deriva o groso do orzamento para vindeiros exercicios. Desde logo, non se corresponde coa promesa de millóns feita por Fomento”.
Respeito ao Eixo Atlántico, puxo de manifesto que o Ferrol-A Coruña segue a ter cantidades menores para estudos, igual que o Vigo-Tui.

“Con estes orzamentos no tema ferroviario, Galiza arríscase a non dispór do AVE até un horizonte indefinido”, indicou. Tamén criticou os escasos investimentos para a modernización da rede interior.