30 septiembre 2009

Lei de Augas mejorará la gestión de los recursos hidráulicos en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez Mourelle inaugurou esta mañá o congreso “O futuro da planificación hidrolóxica en Galicia”, que se celebra en Santiago de Compostela.

Esta xornada, que tratará entre outros temas a Lei de Augas, está promovida polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia. A presidenta de Augas de Galicia sinalou que a sociedade atópase ante un novo ciclo de planificación hidrolóxica, unha nova cultura da auga, consecuencia da implantación da Directiva Marco da Auga (DMA).

Cómpre sinalar que con este novo ciclo preténdese compatibilizar o respecto e a protección ao medio ambiente con referencia ás demandas de auga. Ethel Vázquez indica que a DMA “será a folla de ruta da xestión da auga na Administración Hidráulica de Galicia”. A citada directiva é a norma básica que dende o ano 2000 establece como obxectivo principal o bo estado ecolóxico das augas, ríos, lagos e humedais para o ano 2015 en base a un uso sostible.

A DMA implica unha nova xestión da auga e conta cuns principios fundamentais. Primeiro, o principio de sostenibilidade, que inclúe a xestión integrada baixo o lema de “os ríos son moito máis que canais de auga” e a xestión da demanda representada polo slogan “non me digas canto queres e pregunta antes canto hai”. En segundo lugar, o principio de recuperación de costes: “así consumo, así pago”. En terceiro lugar, o principio de non deterioro: “quen contamina, paga e repara”. Finalmente, a xestión participativa: “todos a unha” ou “todos somos parte interesada”.

Lei de Augas
Por outra parte, a presidenta de Augas de Galicia lembrou os puntos máis relevantes da nova Lei de Augas. Esta lei, que xa conta co borrador do anteproxecto, garante a participación do público en xeral, creando o Consello para o uso sostible da Auga, órgano participativo das distintas entidades públicas e privadas con competencias e intereses vencellados á auga. Tamén se creará o Canon da Auga, substituto do actual Canon de Saneamento, que pretende fomentar o uso racional da auga e dedicarase exclusivamente a saneamento, abastecemento e depuración de augas residuais.

Ethel Vázquez fixo fincapé no obxectivo de dar satisfacción aos cidadáns nas súas necesidades de auga, dado que se declara de interese xeral da comunidade autónoma. Así, tamén subliñou que se implantará un modelo de xestión en materia de depuración de augas residuais con criterios de xustiza tributaria e solidariedade territorial. Ademais, a lei contará co seu propio réxime sancionador.

En conclusión, a Lei de Augas conleva a unha mellora na xestión dos recursos hidráulicos e a mellora da calidade das augas de Galicia.