27 septiembre 2009

El movimiento vecinal de Vigo acuerda exigir a las administraciones que se pongan las pilas en materia de movilidad

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O movemento veciñal de Vigo, na asemblea realizada no día de hoxe, vén de aprobar a Campaña de incidencia social e política denominada “Por unha mobilidade efectiva. En Vigo non imos esperar máis” que se vai desenvolver durante todo o outono.

A análise que se presenta no anexo a esta nota foi realizada dende o mes de maio a través das 9 xuntanzas da Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC) coas distintas asociacións veciñais, así como a cobertura dunha enquisa exhaustiva entre elas. Despois dunha análise detallada, chegouse á conclusión que unha das necesidades máis destacadas dos veciños e veciñas de Vigo é abordar a mobilidade en tres dimensións:

· Mobilidade no centro urbano, coa problemática de saturación de tráfico, do aparcadoiro en superficie para residentes e a problemática do elevado custo do aparcadoiro subterráneo se é preciso empregar habitualmente o automóbil.

· Mobilidade entre as parroquias e o centro urbano, con problemas relacionados co transporte urbano (frecuencia, transbordos, trazados, etc).

· Mobilidade interurbana, sen servizos suficientes, sen coordinación dos servizos existentes, cun custo tan elevado que sae máis económico o emprego do coche, etc.

Diante desta situación, en primeiro lugar, a FAVEC e as asociacións veciñais propóñense sensibilizar os veciños e veciñas de Vigo e da súa área metropolitana sobre a necesidade de abordar sen demora a ordenación da mobilidade dun xeito áxil, económico e respectuoso coa contorna. Para iso vanse dar a coñecer polos barrios e parroquias os problemas cos que se está atopando a veciñanza e propoñendo medidas para abordalos.

Empregaranse testemuñas, como as dunha residente no centro urbano que manifesta os seus problemas de aparcadoiro ou un traballador que vive en Vigo e non dispón de transporte público áxil e económico para poder traballar no Porriño, véndose obrigado a mercar un coche.

En segundo lugar, a FAVEC ten previsto demandar do Concello de Vigo, da Xunta de Galicia e das restantes administracións implicadas, que se executen os acordos existentes nesta materia dun xeito coordinado e que se convoquen os órganos de participación cidadá nos que se teñen que debater os temas relativos a transporte e mobilidade. A experiencia vivida nos anos 2000 e 2001 de intenso traballo entre o Concello de Vigo e o movemento veciñal permitiu naquel intre mellorar significativamente os trazados de transporte urbano en Vigo. Dende entón non se volveu abordar este tema, sabendo que moitos foron os cambios existentes. Pero claramente ao transporte urbano hai que engadir o transporte metropolitano. Noutras áreas metropolitanas do Estado semellantes a Vigo o tema está resolto: existen consorcios de transporte metropolitanos, sistemas de abonos metropolitanos que fomentan o transporte público, evitan conxestións e contaminación e son asequibles.

Para realizar todo isto está previsto solicitar entrevistas con todas as administracións implicadas, así como convocar unhas xornadas de traballo tanto coas administracións como cos axentes sociais implicados.

En definitiva, para lograr unha mellor calidade de vida dos veciños e veciñas de Vigo e área metropolitana é preciso que poidan desprazarse con axilidade, de xeito económico e xerando o menor impacto sobre o medio ambiente. A isto dedicarémonos neste primeiro trimestre do curso 2009-2010 do movemento veciñal.


ANEXO. POSICIONAMENTO DO MOVEMENTO VECIÑAL

1. EXPOÑEMOS QUE:

· Non se están acometendo seriamente os problemas de mobilidade tanto dos residentes no centro urbano –de alternativas reais de transporte urbano, falla de estacionamentos, etc-, como dos veciños que proceden das parroquias de Vigo –o transporte público non cobre as súas necesidades e co coche dificilmente se pode acceder ao centro urbano- ou da área metropolitana –non é factible intercambiar medios de transporte dun xeito áxil e económico, non existen aparcadoiros ás entradas da cidade, etc-.

· Séguese apostando polo automóbil como medio de transporte –co conseguinte malgasto en combustible e contaminación- e como vía de recadación, tanto a través dos aparcadoiros soterrados (vénse de presentar un plan de 11 novos aparcadoiros, aos que moita xente non poderá acceder) como do sistema de multas (140.000 en 2008; ou sexa, 1 ou 2 por familia).

· Vigo, e sobre todo, o seu centro urbano está ao límite de saturación, que se agrava co feito de que os servizos administrativos, sanitarios e comerciais da área metropolitana están no centro urbano –Povisa é centro de referencia para o Morrazo, os xulgados, o edificio administrativo da Xunta, boa parte dos centros comerciais e dos comercios especializados, etc-. Isto aínda é mais sangrante se engadimos a carga e descarga en determinadas horas.

· As obras de humanización no centro urbano de Vigo, que en principio son desexables, fanse sen un criterio claro –p.e: ¿como se vai acceder ao centro de Vigo proximamente?-, fanse todas simultaneamente –cos conseguintes colapsos, distorsión do transporte urbano, crispación, incremento de multas, imposibilidade de circular persoas con mobilidade reducida, etc- e sen consultar cos veciños implicados e, polo tanto, sen contar coas achegas dos que se benefician ou, se se fai mal, as padecerán de por vida.

· No Concello de Vigo, o Consello Municipal de Transportes e o Consello Municipal de Mobilidade non se reúnen coa periodicidade prevista (trimestral) nin exercen como verdadeiros órganos de deliberación das necesidades da veciñanza. Vigo, que na década dos noventa se atopaba na vangarda da democracia participativa, estase convertendo no “último da fila” -no informe do Valedor do cidadán indícase que dous terzos da poboación considera insuficientes as oportunidades de participación local-. Por exemplo en 2001, no Consello M. de Transporte revisárase co movemento veciñal os traxectos das liñas, as paradas, etc.

· Non está posto en funcionamento por parte da Xunta de Galicia un sistema de transporte público económico e áxil para a área metropolitana, que fai que unha parte significativa da renda ten que dedicarse a pagar o desprazamento ao traballo –p.e: adquisición de segundo coche e gastos asociados- e que persoas con ingresos modestos que non viven no centro urbano teñan custos maiores por ter que desprazarse ata, por exemplo, un hospital ou un edificio administrativo. Tampouco un traballador/ra que teña que desprazarse aos polígonos industriais do Porriño ou de Mos o poden facer dun xeito económico, chegando nalgúns casos a ser un motivo para ter que rexeitar unha oferta de traballo. Isto non pasa noutras áreas metropolitanas do resto do estado español.

2. REIVINDICAMOS QUE:

1. Se faga partícipe á veciñanza, a través da Federación Veciñal Eduardo Chao, na toma de decisións relativas aos temas de mobilidade, a través de:

a. A participación na elaboración do Plan de Investimento Local para 2010, atendendo ás necesidades derivadas do Plan de Acción veciñal consensuado no seo da Federación Veciñal “Eduardo Chao” na asemblea de xuño de 2009.

b. Se convoque o Consello Municipal de Transportes trimestralmente, para revisar a situación actual e programar as necesidades de presente e de futuro do transporte urbano.

c. Se convoque o Consello Municipal de Mobilidade, para traballar pola adecuación da normativa existente.

d. Se poñan en funcionamento os órganos ou foros que proceda da área metropolitana por parte da Xunta de Galicia, nos que se analice e se tomen decisións sobre a mobilidade na citada área.

2. Se elabore un Plan de Mobilidade en Vigo e área metropolitana abordando os seguintes aspectos:

a. Servizo de transporte urbano, negociado no Consello Municipal de Transportes

b. Servizo de transporte metropolitano, coordinándose Xunta de Galicia, Concello de Vigo e demais administracións implicadas.

c. Potenciación de medios de transporte respectuosos co medio ambiente, como poden ser o emprego da bicicleta ou o apoio e a sensibilización para o emprego dos medios de transporte públicos.

3. Se executen os acordos relativos á mobilidade por parte das distintas administracións –e que xa quedan recollidos no PXOM dende hai tempo-, entre os que cómpre mencionar:

§ Os aparcadoiros disuasorios.

§ As estacións intermodais

§ Os intercambiadores en puntos clave da cidade

§ A rede de ferrocarril de proximidades

§ O sistema viario metropolitano.