29 septiembre 2009

Deputación convoca premios para estimular al pequeño comercio

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Deputación de Pontevedra convoca a “I edición dos Premios Provinciais do Pequeno Comercio” que son convocados co obxecto de recoñecer, estimular e distinguir ós concellos, agrupacións de comerciantes e comerciantes particulares que traballan para modernizar, promocionar, dinamizar e darlle continuidade ao modelo de pequeno comercio na nosa provincia, característico dun sistema de proximidade.

As bases que rexerán estes galardóns foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) polo que os interesados en presentar candidaturas terán 30 días de prazo para entregar as solicitudes no Rexistro Xeral da Deputación.

Modalidades e dotación económica

Segundo especifican as bases estableceranse os seguintes premios:

Premio provincial a concellos. Destinado a premiar as actuacións de renovación urbana comercial no centro das vilas contribuíndo á promoción e dinamización comercial. Recoñecer o desenvolvemento de actuacións municipais que pola súa contribución á mellora do comercio, e en consecuencia do entorno urbano, poidan servir de modelos e referentes
aos demais municipios da provincia de Pontevedra. 6.000 €. Poderán ser
candidatos todos concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación non superior a 50.000 habitantes.

Premio provincial a Asoc. e Agrupacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Centros Comerciais Urbanos. Destinado a galardoar a tarefa desenvolvida polas agrupacións de comerciantes da provincia en prol do asociacionismo comercial e da profesionalización da figura da xerencia. 3.000 €. Este premio contará cun accésit. de 2.500 €.

Premio provincial á innovación no pequeno comercio. Destinado a premiar a pequenos comercios que incorporen elementos innovadores sexa na súa imaxe, instalacións, servizo, envase, produto ou noutros aspectos que contribúan a realzar o seu valor competitivo, o desenvolvemento comercial e a modernización. 3.000 €.





Premio provincial ao comercio tradicional. Destinado a galardoar a comercios que contan polo menos con 18 anos dende a súa apertura, nos que destaque especialmente a profesionalidade, o bo facer e a introdución de modificacións significativas, novas tecnoloxías, elementos de modernidade na súa estrutura e/ou imaxe para acadar unha maior capacidade competitiva e proxección. 3.000 €.

Premio á muller emprendedora. Destinado a galardoar a pequenos comercios da provincia de Pontevedra dirixidos unicamente por mulleres, estimulando a posta en marcha de novos comercios e o autoemprego feminino. 3.000 €.


Criterios de valoración

Premio provincial a concellos: actuacións de apoio e promoción do pequeno comercio ata 5 puntos; actuacións para crear unha zona comercial urbana que sexa un espazo amable e agradable, ata 3 puntos (accesibilidade e sinalización; mellora do mobiliario, iluminación, espazos verdes; regulación das zonas de carga e descarga, recollida selectiva de residuos); e restauración de fachadas, ata 2 puntos.


Premio provincial a Asoc. e Agrupacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Centros Comerciais Urbanos:accións e/ou actividades cuxos beneficiarios foran os pequenos comerciantes da súa demarcación territorial dentro da provincia, ata 2 puntos; grao de asociacionismo, ata 2 puntos; imaxe e conduta de actuación
Única, ata 2 puntos; trámites para implantar unha xestión profesionalizada, ata 2 puntos; implantación de programas de fidelización da clientela, ata 2 puntos.

Premio provincial á innovación no pequeno comercio: actuacións de marketing e mellora da imaxe e da marca do comercio relacionadas coa orixinalidade e calidade do servizo que presta, ata 5 puntos; utilización das novas tecnoloxías, ata 2 puntos; formación do persoal, ata 1 punto; implantación de novos modelos de xestión, ata1 punto; pertencer a algunha asociación de comerciantes, ata 1 punto.


Premio provincial ao comercio tradicional: introdución de modificacións significativas, novas tecnoloxías e elementos de modernidade na estrutura e imaxe do comercio para acadar unha maior capacidade competitiva e
proxección comercial de presente e futuro, ata 10 puntos.

Premio á muller emprendedora: utilización das novas tecnoloxías e internet, ata 2 puntos; desenvolvemento da actividade en sectores tradicionalmente masculinos, ata 3 puntos; fomento da igualdade de oportunidades, ata 2 puntos; fomento da conciliación da vida familiar e laboral, ata 3 puntos.


Os I Premios Provinciais do Pequeno Comercio, entregaranse no marco da reunión anual “encontros 09. Gala Provincial do Pequeno Comercio”,
acto institucional organizado pola Deputación de Pontevedra que terá lugar o 12 de novembro de 2009, durante o que se fará público o nome dos/as
premiados.