29 septiembre 2009

Feijóo : epístola del segundo martes del tiempo de otoño...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que o Executivo autonómico traballa para conseguir unha “Galicia Global”, baseada na busca “incansable” de acordos e no “respaldo ao espírito emprendedor” como eixos “fundamentais” para saír da crise. “Estes son os tres eixos que están a marcar o rumbo da Xunta de Galicia”, agregou incidindo en que o Goberno galego “non se deixa levar nin improvisa”, senón que segue unha folla de ruta para afrontar a situación actual de dificultade económica.
Na súa intervención no marco da “Tribuna Galicia”, do Fórum Europa, que tivo lugar esta mañá en Santiago, o mandatario galego incidiu en que nestes cinco meses á fronte da Xunta, o Goberno galego “tras recibir un barco con escaso mando e á deriva, en medio dunha tormenta case sen precedentes” tratou de “navegar coa maior seguridade”, seguindo “esa folla de ruta chamada programa electoral cara a un porto único, chamado Galicia Global”.
“A Galicia Global que representa o futuro dun país e que ha de funcionar dun modo unido e compacto, como unha das rexións máis importantes de Europa, e incluso, como se dunha cidade única, unha grande capital europea se tratara”, afirmou, lembrando que, como político galego “teño o deber de aunar esforzos, agrupar enerxías e traducir a unidade esencial dos galegos nunha permanente coordinación das súas administracións e institucións”. “A iso chámolle Galicia global”, aseverou.
Así, o titular da Xunta avogou por potenciar a coordinación a todos os niveis, aplicando “na casa” a globalización “que os nosos emprendedores e universitarios aproveitan fóra”. “Unha vez que a Comunidade atopa o seu lugar en España e en Europa, é tempo de facer unha introspección doméstica e preguntarnos que podemos facer para que a nosa forza non se disipe”, asegurou Feijóo, quen engadiu que “hai respostas” no eido administrativo, na política portuaria e aeroportuaria, na educación e nos procesos de localización industrial.
“Creo na Galicia Global e sei que nesa superación políticos, axentes económicos e sociais, e cidadáns teremos unha importante responsabilidade”, abondou asegurando que o Goberno galego porá todo o seu empeño a través da busca incansable de acordos e o respaldo aos emprendedores. “Porque –insistiu-, somos plenamente conscientes de que ese futuro común dun país unido se constrúe sobre os alicerces do acordo e as ideas”.

Busca de acordos e respaldo ao espírito emprendedor
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo explicou que unha das máximas da súa acción de Goberno é lograr acordos. “Por iso síntome orgulloso de ter xa estampado a miña sinatura en distintos pactos e confío en seguir pactando e consensuando na defensa dos intereses de Galicia e dos galegos”, afirmou.

Na mesma liña, apostou por fomentar e respaldar o espírito emprendedor. “Nese espírito encádranse moitas das medidas que puxemos en marcha nestes primeiros 5 meses de lexislatura, xa sexan de apoio aos sectores produtivos, como de facilitar liquidez aos empresarios, ou de dotar de maior transparencia, garantías de legalidade e seguridade a sectores básicos da nosa economía como o eólico”, concretou.

Cinco meses loitando contra a crise
O presidente galego presentou un balance do traballo feito pola Xunta nos primeiros cinco meses da lexislatura, marcados polo escenario de crise económica e o incremento do paro, e polo tanto, polo obxectivo de minimizar os seus efectos. O primeiro paso, relatou, foi o impulso do aforro na mesma Administración mediante un Plan de Austeridade que permitiu deixar de gastar 144 millóns de euros mediante o deseño dunha estrutura orgánica “máis racional e austera” cunha redución do 50% do número de altos cargos, rebaixando un 40% os gastos de publicidade, recortando nun 30% o gasto en persoal de gabinete e limitando as asistencias técnicas.

Xunto con isto, Alberto Núñez Feijóo subliñou a importancia do Plan de Choque confeccionado polo Goberno galego para minimizar os efectos da crise e que “se concretou na mobilización de 1.200 millóns de euros contra a recesión económica”. Neste Plan de Choque, concretou, planificouse a posta en marcha de 40 “medidas de dinamización económica” para o fomento do emprego (178 millóns de euros), o fomento do tecido produtivo (811 millóns de euros), o apoio ás familias (115 millóns de euros) e a operacións de financiamento e avais para mellorar a liquidez das empresas (78 millóns de euros).

Apoio aos sectores produtivos: automoción, gandeiros, acuicultura e pesca
Na súa intervención, o titular da Xunta puxo de relevo que nestes cinco meses, o Goberno galego demostrou o seu apoio aos sectores produtivos. Nesa liña, referiuse ao Plan re-Móvete para fomentar a compra de vehículos e apoiar un sector vital da economía galega, que se caracterizou por “multiplicar por dous as axudas ofrecidas polo Estado” e, como novidade, “priorizar aos autónomos ao incluír os vehículos industriais”. Feijóo indicou que o Plan re-Móvete, ampliado ata os 14 millóns de euros, serviu para renovar o parque de automóbiles e tivo dous efectos: que Galicia lidere, xunto con Navarar, o incremento de matriculacións no último ano; e que Citröen vaia ser o único dos grandes fabricantes que vai pechar 2009 sen un ERE.

Resaltou, ademais, o xefe do Executivo galego as iniciativas de apoio ao sector lácteo postas en marcha pola Xunta neste tempo, unhas axudas que mobilizaron 90 millóns de euros e que se concretaron no adianto do pagamento único das axudas da PAC; na axilización dos trámites para o pagamento das solicitudes de modernización das explotacións e da PAC; en programas de apoio ao capital circulante; en axudas para a mellora da eficacia das explotacións; e a modificación do Programa de Desenvolvemento Rural para priorizar o sector lácteo.

O presidente galego salientou o novo Plan Acuícola que desbloquea a parálise do sector, que o dota de seguridade xurídica, e que suporá un investimento de 350 millóns de euros e a creación de máis de 1.500 empregos. A este respecto asegurou que este plan permitirá axilizar 23 proxectos acuícolas cos que Galicia poderá recuperar o liderado neste sector. Feijóo sinalou que, con este obxectivo, a Consellería do Mar liberará 140 millóns de euros do Fondo Europeo de Pesca.

Ao mesmo tempo, o xefe do Executivo autonómico resaltou que o Goberno galego está a ultimar unha nova Lei de Pesca que, entre outros asuntos, prevé fortalecer a posición dos bateerios e impedir o furtivismo.



Impulso ás empresas e aposta pola innovación, apoio aos parados e rebaixa de impostos
O presidente da Xunta puxo o acento sobre as medidas tomadas para dotar de liquidez ás empresas, concretadas no maior Plan de Avais posto en marcha na Autonomía, dotado con 150 millóns de euros para mobilizar un total de máis de 400 millóns.

Xunto con isto, Alberto Núñez Feijóo salientou a posta en marcha do programa re-IMAXINA, dotado con 15 millóns de euros para apoiar o financiamento dos investimentos reais de Pemes e microempresas co obxecto de renovarse e crecer para mellorar en competitividade. O titular do Executivo galego destacou, tamén, a aposta da Xunta pola innovación, apuntando que nestes cinco meses xa investiu máis de 100 millóns de euros na materia.

Entre as medidas adoptadas polo seu Goberno para loitar contra a crise, Alberto Núñez Feijóo salientou o investimento de 30 millóns de euros “na contratación de desempregados sen prestación ou subsidio”. “O obxectivo é lograr 4.000 novos postos de traballo e nestes momentos xa logramos materializar a contratación de 1.200 persoas”, resaltou. Ademais, o xefe do Goberno galego puxo en valor a “rebaixa do 50% dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados” impulsada pola Xunta.

Mellora das infraestruturas
O máximo mandatario autonómico defendeu o compromiso do Executivo que preside coa mellora das infraestruturas e puxo como exemplo o recentemente aprobado Plan MOVE, “que suporá un investimento de 4.265 millóns de euros ata 2015”, indicou. Consonte resaltou, este proxecto suporá duplicar en cinco anos os quilómetros de vías de alta capacidade, para que o 80% da poboación estea a menos de 10 minutos dunha dela, e ten a previsión de mobilizar 70.000 empregos directos ata 2015.

Outro exemplo deste compromiso é o Plan de Infraestruturas Hidráulicas, “que suporá un investimento de 868 millóns de euros ata 2013”, e ademais de a realización das obras precisas “para conseguir ter todas as rías saneadas” e conseguir, ademais, “que todas as poboacións de máis de 2.000 habitantes contarán con abastecemento e saneamento regulado antes de 2015”. Xunto con isto, Feijóo subliñou que a Xunta está a preparar o “Plan Director da Banda Larga”, que suporá un investimento de 102 millóns de euros ata 2013. En relación co Plan de Infraestruturas Xudiciais, Feijóo afirmou que se trata dun programa que implicará o investimento de máis de 97 millóns de euros.

O titular da Xunta subliñou, así mesmo, a mellora da xestión introducida polo novo Executivo, como demostra a creación dun novo rexistro de demandantes de vivenda protexida que simplificará e axilizará os trámites ante “o fracaso da fórmula actual”, un fracaso plasmado no feito de que só o 14% do parque de vivendas protexidas á disposición tivo saída real, e que dos demandantes totais de VPA no rexistro tiveron acceso a unha vivenda só o 2,4%”.

Liberdade, transparencia e legalidade
No campo das liberdades públicas e da participación cidadá, Alberto Núñez Feijóo sinalou que o Executivo autonómico cumpriu a súa promesa electoral de consultar aos pais sobre a lingua do ensino, mediante unha enquisa que foi exemplo de participación cidadá e cuxos resultados serán tidos en conta polo Goberno na elaboración da nova normativa. Será, dixo, “unha normativa que esquecerá definitivamente a imposición, que se fundamentará na liberdade e que garantirá o adecuado coñecemento do galego e do castelán, pero coa vontade de chegar a un verdadeiro trilingüismo co dominio do inglés”.

“Achegamos transparencia e seguridade xurídica ao sector eólico”, afirmou o presidente da Xunta, quen se referiu ao compromiso executado de revisar o concurso do bipartito e de garantir a seguridade xurídica substituíndo “un decreto con visos de ilegalidade por unha norma con rango de Lei que dará estabilidade e confianza ao sector eólico”. Neste sentido, o titular da Xunta destacou ademais a pretensión de compensar aos concellos que soportan os parques mediante o establecemento dun canon eólico que fomentará o avance tecnolóxico dos territorios afectados.

Aposta polos acordos e consensos
No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo remarcou a sinatura do Acordo do Obradoiro para a chegada da Alta Velocidade a Galicia, un acordo que manifesta a intención de licitar e executar todos os tramos pendentes antes de que finalice 2010, mediante un investimento de 4.700 millóns de euros.

Na mesma liña, o presidente galego subliñou a importancia do Acordo Global polo Urbanismo asinado coa FEGAMP para impulsar unha reforma consensuada da Lei do solo, e referiuse ao acordo asinado onte mesmo cos concellos e as catro deputacións provinciais para o desenvolvemento de “accións conxuntas e coordinadas” no eido da Administración electrónica.

Unha das grandes mostras da vontade do Goberno galego de acadar acordos é para Alberto Núñez Feijóo o Plan Impulsa- Lugo consensuado cos axentes sociais e as institucións da provincia. O presidente da Xunta afirmou que con este plan se poñen en marcha “de xeito inmediato” medidas concretas de estímulo para que as empresas que queiran instalarse en Lugo obteñan “importantes vantaxes” á hora de acceder ás axudas do Igape. Ademais, Feijóo destacou a intención do Goberno galego de consensuar cos axentes políticos e sociais un plan similar para a provincia de Ourense.

Reforzo das políticas sociais
O máximo mandatario autonómico destacou o impulso dado polo Goberno galego ás políticas sociais, mediante a oferta de “máis e mellores servizos na educación”, como a conxelación das taxas universitarias, o incremento en 153 do número de profesores, o reforzamento dos ciclos de FP ou a ampliación a 2.500 alumnos do servizo de comedor escolar.

En relación cos dependentes, Feijóo asegurou que hai máis atendidos e menos agardando a ser valorados, tendo en conta que nestes 5 meses de goberno xa se incrementou nun 28% o número de dependentes atendidos e se reduciu nun 74% as solicitudes á espera de ser valoradas. O presidente da Xunta resaltou que tamén se incrementou a oferta nos servizos sociais e así, existen hoxe 753 novas prazas en escolas infantís públicas e 300 novas prazas sostidas con fondos públicos de atención a persoas con discapacidadeº.

A herdanza: unha Galicia en recesión económica
Fronte á xestión do seu Executivo nestes cinco meses, o presidente da Xunta sinalou que á súa chegada ao Goberno, se atopou coa responsabilidade de xestionar “unha crise económica sen precedentes” herdando ademais “uns graves problemas de suficiencia financeira nas contas públicas”. “Unha situación con escasos precedentes na historia da Autonomía”, salientou.

Explicou, así que se atoparon cunha Galicia “sumida nunha profunda recesión económica”; “agobiada por unhas cifras de paro moi serias” (211.484 galegos estaban inscritos nas listas do paro); e “sumida nun descenso continuo da actividade empresarial”, que se reflectía nunha multiplicación dos EREs, con 10.000 traballadores pendentes dun expediente de regulación de emprego no momento da toma de posesión do Goberno.
“Pero á propia gravidade da situación económica xeral de Galicia había que sumar a enorme preocupación polo estado das contas públicas da Xunta”, matizou, lembrando un desfase nos ingresos entre a previsión e a realidade de alomenos 600 millóns de euros; e outros 600 millóns de “burato” en gastos non orzados -deles case 400 millóns no eido sanitario-.
“É dicir, ao pouco de chegar ao Goberno xa tiñamos 1.200 millóns de euros menos do que reflectían as contas públicas”, concretou engadindo que, por se este escenario non fose o suficientemente alarmante, “agora nos atopamos con que temos que devolver 1.900 millóns de euros ao Goberno central”. “Un diñeiro que non temos, entre outras razóns, porque outros xa os gastaron previamente”, concluíu.