30 septiembre 2009

Xunta : López Barxas va de espabilado y habla de "criterios de rentabilidad" para apoyar al libro gallego en Ferias Internacionales

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, respondeu hoxe no Parlamento de Galicia á pregunta parlamentaria sobre qué criterios utilizará á Consellería de Cultura e Turismo para establecer o gasto, presenza e participación na asistencia ás feiras internacionais. Francisco López enumerou os catro criterios a seguir estritamente para determinar a promoción e participación nas feiras: control de gasto, rendibilidade da inversión, criterios profesionais e de limpeza e estrita aplicación da normativa.

Francisco López asegurou que a Consellería de Cultura e Turismo asume as súas responsabilidades neste campo “como un servizo á Galicia” no que as inversións “deberán estar dirixidas en todo momento á mellora e desenvolvemento das súas infraestruturas, neste caso á industria cultural do libro galego e nunca no beneficio dunha ideoloxía ou dunha determinada tendencia política”.

Seguindo esta máxima de actuación, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura desenvolveu os catro criterios a cumprir rigorosamente na presenza e participación nas feiras internacionais do libro. O criterio de control do gasto estudará as inversións en detalle para evitar o dispendio sen sentido e limitar os gastos cando sexa realmente útil xa que en palabras do director “non están os tempos para a utilización do presuposto da Consellería pagado por tódolos galegos, en fogos de artificio”. Co criterio de rendibilidade da inversión recuperarase a finalidade primixenia das feiras que é a promoción do libro galego a través da relación con outros mercados e ofertas buscando un “equilibrio razoable entre inversión e resultado práctico”. Os criterios profesionais fuxirán dos intereses partidistas de participación, dos cales eliminarase o “amiguismo ou a afinidade política”. Por último. Francisco López referenciou un criterio de limpeza e estrita aplicación da normativa administrativa na execución dos gastos.

Asemade, nas feiras internacionais do libro que se aveciñan en outubro, Líber-Madrid e Frankfurt, respéctanse estes criterios básicos de actuación. Trátase de dúas feiras de renome ás que a Consellería asistirá cun stand propio e promoverá en función dos catro criterios mencionados. Varios relatores invitados pola Consellería asistirán ao evento para participar nunha mesa redonda sobre temas de relevancia verbo da literatura galega.

Nova etapa

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura quixo marcar claras diferenzas coa política “de despilfarro” levada a cabo na anterior lexislatura neste campo, e asegurou que “estase a substituír por unha nova etapa na que os criterios de eficacia, rendibilidade e apoio real van cambiar a penosa imaxe de amiguismo e utilización partidaria que tantas veces primou no goberno do bipartito”. “O seguimento de criterios propagandísticos e ideolóxicos foi a norma durante unha lexislatura que deixou a un lado os intereses estritamente empresariais e culturais dun sector tan necesitado de apoio como o do libro galego”, afirmou.

A liña de austeridade seguida polo novo goberno pretende, segundo Francisco López, evitar que “uns presupostos onde se precisa introducir criterios de austeridade asuman gastos innecesarios para os obxectivos reais destas accións e que superen os realmente necesarios”.

Respecto ás contas herdadas do bipartito, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura advertiu que a liña de austeridade “impide por si mesma a repetición de espectáculos como a faraónica viaxe a Cuba”. Esta Feira do Libro da Habana no ano 2008 marcou segundo o director xeral un “cume de despropósitos” respecto ao seu gasto e na selección dos asistentes que “estivo sempre marcado máis por amiguismo e por intereses políticos que por criterios de eficacia”.