30 septiembre 2009

O regreso do Grupo de Teatro Escoitade

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Grupo de Teatro ESCOITADE retorna á actividade, tras unha longa paréntese.
En abril deste ano comezou a preparación da nova montaxe, coa que o grupo vai retomar ó contacto cos escenarios.

No Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares -a súa casa matriz-, estreará a obra que logo será representada en distintas vilas da provincia e barrios e parroquias de Vigo.

A estrea vai ser o próximo sábado, día 3 de outubro ás 20.30 horas da noite
Unha montaxe con guión orixinal de Doro Piñeiro, na que 5 actores e actrices novéis e veteráns, dirixidos polo propio autor, darán vida a cinco personaxes cheos de experiencias e lembranzas, ledas algunhas, tristes outras.
Longos meses de traballo nos que se contou coa colaboración desinteresada de máis de 20 persoas, que se involucraron nesta aventura en campos como a composición musical cos seus arranxos ou a execución dos mesmos, tanto con instrumentos como coas súas voces.
Tamén houbo quen ofreceu a súa axuda facendo estruturas metálicas, cosendo teas e cortinas, ocupándose do vestiario, maquillaxe, loxística, son, vídeo, iluminación, comunicación, escenografía… Todo este traballo, comprometido e sacrificado, agardamos que teña a recompensa da asistencia e do agrado do público que nos vaia ver alá onde representemos.