29 septiembre 2009

Vigo : estudan cos veciños de A Miñoca o proxecto para a construción dun novo local social

-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde estuda cos veciños de A Miñoca o proxecto para a construción dun novo local social. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, analizou hoxe con representantes da directiva da Asociación de Veciños de A Miñoca o proxecto do novo local social que demanda a entidade veciñal. O nacionalista recoñeceu a necesidade de que esa zona da cidade dispoña dun espazo axeitado para desenvolver as súas actividades e comprometeuse a estudar a súa execución.

Contar cun novo local social é unha vella reivindicación do colectivo veciñal. Santi Domínguez explicou tras a xuntanza que analizou coa presidenta da asociación o anteproxecto para a súa construción. O tenente de alcalde sinalou que vai estudar cos técnicos esa proposta para analizar as posibilidades de levalo adiante. “Agardamos que nun futuro non moi lonxano os veciños e veciñas dunha zona tan poboada como é A Miñoca poidan dispoñer dunha instalación acorde ás súas necesidades”, afirmou.

Na rolda de contactos que o tenente de alcalde está a manter coas entidades veciñais da cidade, hoxe mantivo tamén un encontro coa directiva da Asociación de Veciños de Bouzas. Santi Domínguez reafirmoulles a intención de mercar a Casa do Patín o vindeiro ano para convertila nun centro sociocultural. Tamén recolleu a proposta veciñal para desenvolver no barrio unha nova dotación deportiva para uso da veciñanza. Unha das posibilidades é a construción dunha pista polideportiva.

O tenente de alcalde e concelleiro de Barrios Históricos explicou aos representantes veciñais os proxectos que está previsto desenvolver no barrio como as humanizacións das prazas do Cruceiro Vello e de Diego Santos. Asemade indicou que se vai reforzar o orzamento destinado á subvencionar aos propietarios para abordar proxectos de rehabilitación dos seus inmobles.