25 septiembre 2009

El transporte en la Ría de Vigo, de nuevo en el Parlamento autonómico

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, compareceu hoxe no Parlamento para responder á pregunta relativa ás previsións de cumprimento do acordo parlamentario sobre a defensa do transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo.

Hernández insistiu en que a Xunta sempre defendeu a postura de que o transporte de ría deberá incorporarse nun futuro próximo ao Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, feito que beneficiará a todos os cidadáns. Tamén lembrou as diferentes negociacións cos concellos de Cangas, Moaña e Vigo para garantir o mantemento do servizo de transporte marítimo, no que a Xunta propuxo sufragar o 80% dos fondos precisos, proposta que non contou co apoio das administracións locais implicadas.

Cómpre sinalar que o pasado 14 de setembro solucionouse positivamente a situación creada tralo anuncio de suspensión do servizo de transporte marítimo entre Moaña e Vigo por empresa Naviera Mar de Ons. A Xunta mantivo unha intensa actividade cos concellos implicados e con empresas do sector para intentar que non se interrompera a prestación deste servizo. Finalmente, e froito desas negociacións, a empresa Nabia ofreceuse a dar continuidade ao traxecto entre Moaña e Vigo por mar.

Hernández explicou que a entrada dun novo operador supuxo a recuperación dos servizos de fin de semana entre Moaña e Vigo polo que, neste curto periodo de tempo, incrementouse un 6,6% o número de viaxes.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mantén aberta unha liña de acción coa intención de implementar o Regulamento Europeo 1370/2007, abrindo así a posibilidade de que o transporte de ría poida ser considerado servizo público, sempre que estea integrado nunha rede local de transporte, e sempre que se probe que o mercado é insuficiente.

En conclusión, Medio Ambiente fixa como un dos seus obxectivos principais a consecución dun transporte público de calidade en todas as súas modalidades, onde tamén se inclúe o transporte marítimo.

Despois da comparecencia, o conselleiro mantivo unha reunión con representantes da plataforma pola defensa do transporte de ría