29 septiembre 2009

Remata a IV edición de "Vai de Camiño"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A IV edición do programa “Vai de Camiño” remata os próximos días a súa programación despois de cumprir coa súa estratexia de levar espectáculos e manifestacións artísticas aos concellos de toda Galicia polos que pasan os camiños xacobeos ó tempo que se promoveron aos artistas galegos e impulsouse a nosa industria cultural e do espectáculo. “Vai de Camiño” consolidouse, unha vez máis, como o circuíto de espectáculos máis extenso que se desenvolve en Galicia contribuíndo de xeito notable á dinamización cultural dun bo número de concellos galegos.
O programa de cultura e espectáculos “Vai de Camiño 2009”, organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellería de Cultura e Turismo, remata esta a súa IV edición achegándose nos próximos días aos concellos de Boiro (dúas xornadas diferentes), na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla; Tui, no Camiño Portugués, e Vilalba, no Camiño do Norte, coa seguinte programación:

Boiro. Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. Venres, 2 de outubro. Na sala de concertos “Leña Verde”, ás 22.00 h., actuarán “Equilibrio H”, “Malkeda” e “Fracasados de Antemano”.

Tui. Camiño Portugués. Venres, 2 de outubro. No Auditorio Municipal, ás 21.30 h., “Son de Seu”, un grupo de 40 músicos que interpretan arranxos de pezas do nosos acerbo cultural popular con instrumentos tradicionais e do ámbito do folk, producindo un timbre característico e impactante pola súa coordinación, malia actuar sen director, e pola enorme enerxía que transmiten dende o escenario.

Boiro. Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. Sábado, 3 de outubro. Na mesma sala de concertos “Leña Verde” do concerto do día anterior, ás 21.00 h. actuación de “Moita Leria”, “Sinefres” e “Som do Galpóm”

Vilalba. Camiño Norte. Sábado, 7 de outubro. No Auditorio Carme Estevez, ás 20.30 h., e como xa ven sendo tradicional dende edicións anteriores, gran “Encontro de Corais”.



Os interesados en acudir a estes ou outros espectáculos da “Vai de Camiño” poden consultar a programación e os seus posibles cambios de última hora en www.xacobeo.es