29 septiembre 2009

Xunta : matizaciones sobre el nuevo "reparto" eólico

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Ningún dos parques eólicos admitidos a trámite no anterior concurso eólico promovido polo bipartito podería entrar en funcionamento antes do ano 2012, polo que as actuacións do novo Goberno da Xunta de Galicia nesta materia non van supoñer retraso algún. Esta é a principal conclusión que a Consellería de Economía e Industria extrae da reunión que hoxe mantiveron en Santiago os representantes deste departamento cos responsables de Rede Eléctrica de España (REE), á vista das solucións técnicas de evacuación propostas polo xestor do sistema eléctrico español.

No transcurso da reunión, REE, que garantiu por primeira vez que nos anos 2011 e 2016 haberá unha potencia eólica instalada, que non autorizada, de 4.175 Mgw e 6.500 Mgw, respectivamente, presentou á Xunta de Galicia unha solución de evacuación da potencia eólica baseada na identificación das diferentes potencias das distintas subestacións para os anos 2011 e 2016. A Consellería de Economía e Industria, aínda valorando positivamente esta proposta, acordou presentar ante o xestor do sistema eléctrico un novo plantexamento de evacuación da potencia eólica baseado nos últimos estudos sobre o potencial do recurso, o vento, en Galicia.

O encontro entre a Consellería de Economía e Industria e os responsable de REE en Galicia, presidido polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, serviu ademais para confirmar que o grado de investimento que o xestor eléctrico vai realizar en Galicia no periodo 2008-2016 manterase con carácter prioritario e ascenderá a un total de 439 millóns de euros.

A Consellería de Economía e Industria constatou tamén o importante compromiso de REE para que na revisión do plan estatal 2008-2016 contemple a construción da subestación eléctrica de Taboadela, en Ourense, un elemento fundamental para viabilizar a posta en marcha do AVE no tramo Olmedo-Ourense, ferramenta que non estaba contemplada con anterioridade a este encontro.

O entendemento entre os representantes da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e os responsables de REE abre, con total claridade, unha liña de colaboración entre o Goberno galego e o xestor do sistema eléctrico co maior grado de intensidade para dar solución aos distintos problemas que poidan xurdir en materia eléctrica.