29 septiembre 2009

Este xoves constituen no Morrazo a plataforma Queremos Galego

CANGAS (MORRAZO-TRIBUNA).- O próximo xoves, 1 de Outubro, constituiráse en Cangas a organización comarcal do Morrazo da plataforma QUEREMOS GALEGO. Esta plataforma, promovida pola Mesa para a Normalización Lingüística, agrupa a nivel galego máis de cincuenta colectivos de todo tipo: educativos como a ASPG, ecoloxistas como ADEGA, políticos como o BNG, Esquerda Unida e FPG, sindicais como a CIG, o SLG ou o STEG, de escritores como a AELG, de equipos de normalización lingüística como as coordinadoras comarcais de Compostela e de Ferrolterra, xuvenís como Galiza Nova, de estudantes como Comités, fundacións como a Fundación do Pedrón de Ouro ou a Fundación Castelao, cívicas como o Movemento polos Dereitos Civís, revistas como Encrucillada e ducias de asociacións culturais, veciñais e de diversa índole con ámbito local.

QUEREMOS GALEGO nace cos seguintes principios básicos:

a) A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
b) A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
c) Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificada por unanimidade polo Congreso en 2001.

A plataforma –na que poden integrarse colectivos ou persoas a título individual– está dotada dunha estrutura organizativa nacional e outra comarcal, que é a que nestes momentos se está a organizar en toda Galiza. Para constituír a estrutura comarcal do Morrazo, os promotores, a través da Mesa para a Normalización Lingüística convocan a todos os colectivos e persoas interesadas a unha xuntanza que terá lugar o vindeiro xoves, día 1 de Outubro, ás 8,15 da tarde no Auditorio Municipal de Cangas. Nela daránse a coñecer os dous obxectivos de traballo inmediatos de QUEREMOS GALEGO:

1.- Unha nova gran manifestación en defensa da lingua que terá lugar en Compostela o próximo 18 de outubro.
2.- A presentación no Parlamento Galego dunha Iniciativa Lexislativa Popular que garanta o respecto dos dereitos lingüísticos dos cidadáns e os usos públicos do galego por parte de toda a Administración.