27 septiembre 2009

Constitúen a plataforma "Queremos Galego no Baixo Miño"

A GUARDA (MORRAZO-TRIBUNA).- CONSTITÚESE A PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO NO BAIXO-MIÑO

O portavoz da Plataforma vai ser o músico guardés Tino Baz, quen anima a toda a poboación a mobilizarse con esta plataforma en defensa do noso idioma.


Unha trintena de asociacións e organizacións de diversa índole veñen de constituír a plataforma Queremos Galego do Baixo-Miño. Ademais do mundo asociativo da comarca integran a plataforma persoas a título individual entre as que destacan o guitarrista Tomás Camacho e o pintor Xosé Luís de Dios entre outros.

A plataforma, que se constitúe cunha pretensión de estabilidade no tempo, encara como primeiras actividades a promoción da manifestación na comarca do Baixo Miño que o próximo día 18 de outubro se celebrará en Santiago de Compostela, para respostar as agresións que o actual goberno da Xunta está levando adiante contra o noso idioma e a nosa cultura. Así mesmo a plataforma asume no Baixo-Miño a difusión da Iniciativa Lexislativa Popular para que se respecten os nosos dereitos lingüísticos e para que a administración garanta os usos públicos do galego.

A plataforma fai un chamamento para a integración de todas aquelas entidades que aínda non o fixeron e compartan afinidades e obxectivos con Queremos Galego e fan público o enderezo electrónico da Plataforma (queremosgalego.baixominho@gmail.com) para que todas as persoas ou entidades que o desexen podan contactar con eles.