24 septiembre 2009

La presidenta de Augas de Galicia también se dedica al cada vez más extendido autobombo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, explicou esta mañá que as condicións físico-químicas da calidade das augas do río Verdugo se recuperaron con moita celeridade grazas as medidas esixidas polo organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A responsable da administración hidráulica de Galicia compareceu esta mañá na Comisión 2ª Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia.

Vázquez Mourelle explicou que dende que o Goberno tivo coñecemento deste suceso -o pasado 16 de agosto- activouse o Plan de Control de Vertidos para paliar esta situación. Concretamente, efectuáronse varias inspeccións á zona entre os días 16 e 19 de agosto, o 27 de agosto e o 3 de setembro. Fixéronse medicións “in situ” de parámetros de calidade das augas (pH, osíxeno disolto, condutividade e turbidez), mediante o emprego de maletíns multiparamétricos; mostraxes dos tecidos (peixes mortos); mostraxes de auga, tanto do vertido como do medio receptor, para a súa analítica en laboratorio; e mostraxes de macroinvertebrados.

Aclarou que respecto ás mostraxes físico-químicas das augas, concluíuse que o vertido produciu unha diminución do pH e un aumento na concentración de aluminio. Tamén sinalou que se observou unha mellora continuada na calidade da auga co paso do tempo. De feito, na inspección realizada o día 27 de agosto constatouse que o río estaba recuperado posto que a calidade das súas augas cumprían os valores legais establecidos.

Remarcou que para maior seguridade, repetíronse as mostraxes a comezos de setembro e novamente se confirmou a boa calidade das augas do río. Esta rápida recuperación do río foi posible debido ás medidas adoptadas (apertura das presas) que provocaron que a cuña de auga contaminada fora substituída por auga limpa. Indicou que os valores anómalos de fenois detectados no río non atribuíbles ao vertido, dado que xa están presentes nas mostras de augas que se fixeron augas arriba do punto de vertido.

Asemade, Ethel Vázquez apuntou que tamén se realizaron inspeccións no interior das instalacións da EDAR de Pontecaldelas, concluíndo que o vertido obxecto destas actuacións foi causado por un derrame accidental ou unha deficiente manipulación do reactivo PAX 18 –policloruro de aluminio ao 18%, empregado como coagulante no tratamento físico-químico desas instalacións- dende o tanque de almacenaxe do mesmo.

Responsabilidades
A presidenta de Augas de Galicia informou que o departamento que dirixe procedeu -en base ás investigacións levadas a cabo a finais de agosto- a incoar un expediente sancionador contra o Concello de Pontecaldelas por infracción grave consistente no vertido non autorizado de augas residuais ó río Verdugo.

Por parte do concello xa realizou a reparación das pezas danadas, co obxectivo de devolver a planta á súa situación de operatividade. Vázquez afirmou que Augas de Galicia traballará conxuntamente coas autoridades municipais para evitar episodios de accidentes como o acontecido o pasado mes de agosto