30 septiembre 2009

Uxía leva o seu ‘Eterno Navegar’ a Brasil, despois do éxito de Cantos na Maré


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Ao longo dos próximos días, a cantante galega Uxía Senlle presentará o seu último disco en Vitoria, Belo Horizonte, Sao Paulo, Niteroi e Rio de Janeiro

Os músicos brasileiros Fred Martins e Sérgio Tannus acompañarán a Uxía o 15 de outubro no Teatro Uff de Niteroi e o 19, no Funarte de Río de Janeiro - Uxía viaxa por catro estados brasileiros co seu último disco, Eterno Navegar, despois do éxito acadado polo espectáculo Cantos na Maré, que pechou onte o V Encontro de Negócios na Língua Portuguesa. O Spirito Jazz de Vitoria (Espirito Santo) será o primeiro porto no que recale Uxía co seu último traballo, os día 2 e 3 outubro. Despois, xa o día 12, participará no Festival de Jazz de Belo Horizonte (Minas Gerais) e o 14, no Grazzie a Dio de São Paulo. Finalmente, os músicos brasileiros Fred Martins e Sérgio Tannus acompañarán a artista galega nas últimas actuacións da xira, o 15 de outubro no Teatro Uff de Niteroi e o día 19, en Funarte, en Río de Janeiro.

Da man do pianista e compositor das Illas Azores, Paulo Borges, a voz de Uxía percorre neste seu Eterno Navegar camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan en 15 temas baixo a súa melodiosa voz e o seu estilo intimista. O Atlántico impregna a personalidade deste traballo, un paseo polos ambientes e ritmos destes territorios partindo da música e a poesía de Galicia. Contando, cantando e sumando voces á súa propia, emprende unha travesía na que nos fai sentir desde as brisas mariñeiras, arrecendos e sabores salgados de Cabo Verde, ata a soidade da Costa da Morte. Con esta mestura visitará Uxía o Spirito Jazz de Vitoria (Espirito Santo) os día 2 e 3 outubro, o Festival de Jazz de Belo Horizonte (Minas Gerais) o día 12 e o Grazzie a Dio de São Paulo o día 14.

Con Uxía participaron nesta rica viaxe numerosos colaboradores, músicos galegos, portugueses, africanos e brasileiros nunha conxunción inaudita e moi saborosa. Nas cancións sobrevoan moitos dos meus referentes: a voz telúrica de Santalices e, na súa zanfona, a esencia ancestral da música galega. As palabras de Caetano Veloso coa súa sedución sinuosa e cálida, a voz trémula do Zeca Afonso, a beleza do esencial e a cadencia de Cesária Évora... todos e cada un deles foron fonte de inspiración e alimento reconfortante para a alma deste disco. Así, temas como “Danza ritual”, “As nosas cores” ou “Eterno navegar” son extremadamente ricos nestes singulares contrastes. A xira de presentación brasileira do Eterno Navegar contará coa achega dos músicos brasileiros Fred Martins e Sérgio Tannus, que acompañarán a Uxía o 15 de outubro no Teatro Uff de Niteroi (Rio de Janeiro) e o día 19, en Funarte, en Río de Janeiro.

Navegar ao sabor das ondas dun mar que une, emprender un “eterno navegar” para sentir brisas e sabores mariñeiros, viaxar polo verde Miño e polo deserto, polo día luminoso e polo solpor. Uxía conxuga á perfección o compás dos tambores coas doces melodías galegas. Unha experiencia única na que o fado, o alalá e a morna fúndense para destilar un perfume único.

As datas:
Día 2 e 3 Outubro. Spirito Jazz. Vitoria (Espirito Santo)
Día 12 Outubro. Festival de Jazz. Belo Horizonte (Minas Gerais)
Día 14 Outubro. Grazzie a Dio. São Paulo (São Paulo)
Día 15 Outubro. Teatro Uff. Niteroi (Rio de Janeiro)
Día 19 Outubro. Funarte. Rio de Janeiro (Rio de Janeiro)