30 septiembre 2009

Feijóo pide al sector hostelero que se dejen la piel en el Xacobeo 2010

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao sector hostaleiro un “esforzo extraordinario” durante o Xacobeo 2010 para consolidar Galicia como un destino único e referente de calidade. Así o manifestou o mandatario galego no transcurso da Gala da Hostalaría Galega, que se celebrou esta noite na Coruña. “O Xacobeo será un dos maiores reclamos para coñecer a nosa terra o ano próximo”, asegurou Feijóo; “pero toda ela: por iso, os nosos esforzos vanse centrar tanto en Santiago como no resto de vilas e cidades galegas. Santiago pode ser unha ferramenta: a porta de entrada a ese tesouro”. “É a nosa finalidade converter a Galicia nun destino único, no marco do noso compromiso co artellamento e vertebración do territorio. Temos unha única Comunidade e moita diversidade. Esta é a Galicia Global que queremos impulsar”, destacou.

Así, Núñez Feijóo explicou que a previsión do Goberno galego é que se produza un incremento do peso do turismo no PIB de Galicia desde preto do 11% actual a un 13%. “A estratexia será o incremento do gasto medio do turista xunto cun incremento da estadía media e o número de visitantes”, remarcou o presidente galego, quen salientou que a Xunta empregará, con estes obxectivos, “instrumentos ambiciosos”: un plan de márketing de promoción e captación de turistas, a creación de xacobeos temáticos (sénior, infantil, accesible) e o apoio a celebración de congresos e seminarios en Galicia.

“Confiamos en que o Xacobeo 2010 será un revulsivo para a economía galega; É tarefa de todos nós pór en valor os nosos recursos turísticos, patrimoniais, gastronómicos, culturais e etnográficos, e esforzarnos por situar a Galicia no punto de mira dos potenciais turistas”, salientou Feijóo, quen se mostrou convencido de que todos os hostaleiros de Galicia amosarán, “unha vez máis”, a súa “implicación e entrega ao servizo tanto dos galegos como daqueles que se achegarán á nosa terra en 2010 para celebrar connosco o Ano Santo”.

Colaboración Xunta- empresas para a elaboración dunha “folla de ruta turística”
O presidente galego amosou o compromiso “enérxico” do Goberno da Xunta co turismo, e a aposta por unha “forte promoción da nosa terra”. “Para a Xunta de Galicia o sector turístico é un dos sectores estratéxicos, exemplo de calidade e modernidade”, afirmou Feijóo, quen engadiu que a colaboración entre a Administración e as empresas “constitúe un dos determinantes do noso éxito”.

Así, o mandatario galego destacou que o deseño das liñas estratéxicas a seguir polo Goberno en materia de turismo conta coa opinión daqueles que día a día se enfrontan á realidade das políticas da Xunta de Galicia en materia de Turismo. “Por iso, este Goberno recolle as achegas dos integrantes do sector, de cara a desenvolver políticas de consenso”, destacou Feijóo, quen remarcou que, froito desta sensibilidade do Goberno galego naceu o proxecto do Debate do Estado do Turismo, “que agora entra na súa última fase, coa presentación do Plan de Acción do Turismo”.

“Esta iniciativa pioneira da Consellería de Cultura e Turismo, que se estivo a desenvolver nestes meses, só foi posible grazas a todos vostedes”, destacou o presidente galego na súa intervención ante os membros da Confederación de Empresarios da Hostalaría de Galicia, na que lles agradeceu “o traballo, o esforzo e a colaboración” aos empresarios que fixeron posible a elaboración dunha “folla de ruta da política turística de Galicia”.