29 septiembre 2009

Rueda define a Zapatero como o plusmarquista da crise e acúsao de dar puntilla ás rendas medias cos PXE de 2010

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de PP de Galicia contrapón a política económica de Feijóo de baixar impostos coa obsesión de Zapatero por subilos ata o punto de chegar a reducirlles deste xeito o soldo aos galegos 532 euros anuais

• Lamenta que Zapatero decida subir os impostos ao consumo agravando así a situación dos máis desfavorecidos e que a súa política social sexa a de incrementar as cargas fiscais

• Asegura que con isto se desmontan os argumentos do Goberno de España cando alega que non se trata dunha subida que vai en contra das rendas baixas

• Afirma que os galegos xa saben que non se pode contar co Goberno central para saír da crise e que só poden confiar na Xunta para ir trepando polas paredes dese pozo

O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, definiu ao presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, como o gran plusmarquista da crise e acusouno de darlles puntilla ás rendas medias e baixas cos seus Presupostos Xerais para 2010. Tralo comité de dirección do partido e a poucas horas de que os Presupostos Xerais do Estado comecen a ser tramitados no Congreso dos Deputados, o popular sentenciou que, cos datos que o PPdeG ten no seu poder, xa se pode dicir que Zapatero non desaproveitou a ocasión de volver a equivocarse.

Rueda lamentou que o avance dos Presupostos de 2010 do que dispón o partido reflicta que serán os cidadáns os que axuden ao Goberno a saír da crise en vez de ser ao revés. Nesta liña, Rueda criticou que Zapatero decida subir os impostos ao consumo agravando así a situación dos máis desfavorecidos e que a súa política social sexa incrementar as cargas fiscais.

A respecto disto, Rueda sinalou que, coa susodita subida dos impostos, cada galego terá que aboar anualmente 530 euros de impostos, é dicir, a paga dun mileurista durante un dos 12 meses do ano 2010 quedará reducida á máis da metade.

Para Rueda estas cifras “desmontan totalmente eses argumentos que están intentando dar desde o Goberno de España para explicar o inexplicable” cando din que non se trata dunha subida que vai en contra das rendas baixas.

Neste sentido, contrapuxo a obsesión de Zapatero por subir as cargas fiscais á política económica de Feijóo de baixalas, como fixo cos impostos de transmisións patrimoniais e os de actos xurídicos documentados, por exemplo.

Así mesmo, Rueda afirmou que os galegos xa saben que non se pode contar co Goberno central para saír da crise e que teñen presente que só poden confiar na Xunta para ir trepando polas paredes dese pozo.

A FESTA DOS POPULARES EN SILLEDA: UN GRAN ÉXITO
Por outra banda, o secretario xeral do PPdeG tamén fixo fincapé no gran éxito, tanto de organización como de público, que supuxo a festa dos populares en Silleda o pasado sábado. Segundo Rueda, a ilusión e as ganas coas que xente acudiu á cita, as intervencións e o ambiente que se respiraba logrou xerar o clima de mobilización de cara as eleccións municipais de 2011 que o PPdeG buscaba.

Rueda considera que o sábado se demostrou que os populares non están dispostos a rendirse na batalla polas alcaldías dos 315 concellos e que nin o PSOE nin o BNG poden estar tranquilos.