29 septiembre 2009

A Rede presenta o seu programa para outubro na Guarda

A GUARDA (MORRAZO-TRIBUNA).- A RDSI ten previsto 5 obradoiros e 1 charla para este mes . A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello da Guarda, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de outubro no CDSI da Guarda, sito no Centro Cultural. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

o “Alfabetización dixital: Informática e Internet”: ao finalizar este obradoiro, o usuario/a será capaz de manexar de forma básica un computador, así como de acceder a Internet e utilizar algúns dos recursos básicos dispoñíbeis. Desenvolverase de luns a xoves, do 5 ao 15 de outubro, de 16 a 17:30 horas.
o “Creación dunha conta correo electrónico”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Desenvolverase os mercores, xoves e venres, do 7 ao 16 de outubro, de 10:30 a 12 horas.
o “Videomontaxe”: o usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de crear a súa composición audiovisual. Desenvolverase de luns a venres, do 22 ao 29 de outubro, de 16 a 17:30 horas.
o “Mecanografía”: ao remate deste obradoiro poderase escribir con todos os dedos e sen mirar ao teclado do computador. Desenvolverase de luns a venres, do 19 ao 30 de outubro, de 10:30 a 11:30 horas.
o “Solicitude de cita médica en Internet”: con este obradoiro ensinarase a solicitar ou anular citas médicas co SERGAS sen necesidade de desprazarse. Realizarase o luns, 19 de outubro, en horario de 16 a 18 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla “II Edición: Skype, outra forma de comunicarte: A Guarda - Porto do Son” o día 15, ás 11 horas no CDSI da Guarda.
O prazo de inscrición para estas actividades empeza o luns 26 de setembro.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización da Guarda, sito en Rúa Rosalía de Castro 14, chamar ao teléfono 986.611.850 ou mandar un correo electrónico ao enderezo rubencarlos.aguarda@dinamiza.fundacioncalidade.org.