30 septiembre 2009

Las aulas de la Tercera Edad siguen vivas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe un convenio de colaboración que ten como obxectivo o financiamento –con 284.095 euros- de aulas da terceira idade. Neste sentido, Mato considerou que este proxecto supón un “importante labor de dinamización e socialización” para os maiores galegos.

A titular do departamento autonómico firmou este acordo co presidente da Asociación cultural galega de formación permanente de adultos, Rafael Romero. Durante a súa intervención, aproveitou para destacar o carácter “pioneiro” desta entidade na organización de actividades formativas e de ocio para as persoas maiores.

Así, lembrou que máis de 1.500 persoas pasan polas aulas coordinadas por esta asociación, que conta con 75 profesores de distintas modalidades nas súas nove sedes en Galicia: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Padrón, Ourense, Lugo, Monterroso, Vilalba e Vigo. Entre as materias que se imparten, cóntanse obradoiros de informática, de idiomas ou de saúde.

Ademais, Mato asegurou que os maiores “son un dos piares da sociedade”, que achegan “valores imprescindibles para o avance e a modernización cidadá”. Por iso, sinalou que agora corresponde ofrecerlle a eles “as mellores condicións de benestar” para, ademais, fortalecer a idea “da persoa maior como suxeito activo e capaz”.

Neste sentido, valorou estas actividades de formación porque cobren “non só unha inquedanza ou necesidade formativa, senón tamén o desenvolvemento de habilidades sociais e a creación de novos círculos de relación”.