30 septiembre 2009

El estudiante lumbrera ya estrechó la mano del conselleiro

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe a Alejandro Rivero de Aguilar Pensado, premio extraordinario da Xunta e nacional de Bacharelato no 2008. No encontro estivo presente o Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira.

O estudante santiagués, nado en 1990, foi galardoado nos Premios Nacionais de Bacharelato 2007-2008, quedando no terceiro posto entre os quince premiados. Este recoñecemento súmase ao obtido cando logrou o premio Extraordinario de Bacharelato que entrega a Xunta de Galicia. Ambos galardóns recoñecen o seu esforzo e traballo durante a etapa escolar, no IES Rosalía de Castro, que quedou reflectida cando obtivo un 9,98 nas Probas de Acceso a Universidade. Unha nota que lle permitiu entrar na facultade de Medicina da Universidade de Santiago, na que está a estudar o segundo curso da carreira.

Galardóns

Ademais obtivo o Premio especial do Xurado no concurso “Mozos Investigadores”, convocado pola Secretaría de Estado de Universidades no 2008, en Málaga. Rivero de Aguilar gañou co traballo “O microcosmos dos osos de auga, primeiro estudo dos tardigraos en Galicia”. Este traballo foi dirixido por María del Rosario García Echave, xefa do departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES Rosalía de Castro, que tamén participa activamente nos concursos de mozos investigadores con outros estudantes do centro que tamén obtiveron premios.

No presente ano, Rivero de Aguilar representou a España no certame “European Union Contest for Young Scientists 2009”, que se celebrou en París. Na capital francesa presentou o mesmo traballo gañador en Málaga e con el logrou o Premio Especial do Centro Nacional de Investigación (CNRS) francés.

Alejandro Rivero de Aguilar estivo acompañado polos seus pais Mónica e Santiago e polo director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, e o inspector do centro, Manuel Guerra.