29 septiembre 2009

El Bloque no ve dineros para el Turismo en el Plan de Choque de la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- En resposta a unha pregunta
da portavoz do BNG na Comisión de Turismo do Parlamento Galego, Carme
Adán, a subdirectora xeral de Ordenación do Turismo da Xunta de Galiza
recoñeceu esta tarde na Cámara Galega que os pouco máis de 10 millóns de
euros que destina o Plan de Choque contra a Crise Económica do Goberno de
Feijóo para o impulso do turismo son “insuficientes”.
Carme Adán denunciou que no Plan de Choque “dos 1.255 millóns de euros cos
que está dotado, só se destina pouco máis de 10 millóns de euros ao turismo,
é dicir só o 0,76% do total”.
A deputada do BNG considera “realmente preocupante que o Goberno do PP lle
dea tan pouca importancia a un sector como o turismo, que representa o 10,9
% do PIB galego e cerca do 10% da xeración de emprego”.
Ademais, Carme Adán censurou que “esta falta de aposta polo turismo por
parte da actual Xunta de Galiza se produza precisamente no ano anterior ao
Xacobeo 2010”.
“A Consellaría está a actuar con total improvisación”
Entrando na análise concreta dos pouco máis de 10 millóns de euros
contemplados no Plan de Choque para o turismo, a deputada nacionalista
considera que o reparto “revela a improvisación con que o Goberno do PP está
a actuar con este sector”.
Así, a metade dos 10 millóns adícanse ao incremento do número de prazas no
turismo rural, “algo contradictorio co que demanda o sector, xa que necesitan
unha mellora da produtividade nun sector con baixas taxas de ocupación”.
En canto aos 2,35 millóns que se adicaron á campaña de turismo de verán a
través dunha transferencia a Turgalicia, a deputada do BNG lembrou que “nos
orzamentos do Goberno Bipartito para 2009 contemplábase unha partida de
17,8 millóns de euros e 6 millóns de euros máis para campañas xerallistas”.
Por último, Carme Adán lembrou que os 2,8 millóns de euros restantes para
eventos de contido turístico “destínanse a subvencións a concellos e
asociacións para festas”.